Os profesionais que operan na cultura abren Culturgal 10

La Voz

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

A feira arranca hoxe en Pontevedra con máis dun cento de expositores e actividades para todos os públicos

01 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao logo de tres días, desde hoxe ata o domingo, A Feira das industrias Culturais de Galicia enche o Pazo da Cultura da produción cultural feita en Galicia, con máis de 130 actividades e 120 espazos expositivos de creadores, empresas, entidades privadas e institucións públicas. Música, literatura, teatro, cine, arte contemporáneo... Culturgal chega a súa décima edición cunha ampla oferta dirixida tanto aos profesionais como ao público en xeral.

Este venres, na súa xornada de apertura, boa parte da programación centrase na actividade daqueles que operan na actividade cultural. O Espazo Foro acollerá as xornadas profesionais da Escena Galega, que se desenvolverán ao longo de todo o día coa ollada posta na circulación transfronteiriza e a presentación de proxectos de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, país convidado nesta edición.

A Asociación Galega de Empresas Musicais ( AGEM) analizará a nova Lei de Espectáculos, ofrecendo as claves ás persoas interesadas en adecuar os seus proxectos á nova lexislación. Serán sesións áxiles e prácticas na procura de ofrecer información útil, como as vías de financiamento europeo ou a presentación do Centro de Emprendemento Gaiás. Será tamén un día de presentación de empresas, como Casa Morada o a cooperativa Miraxe.

O acto de inauguración de Culturgal 10 está previsto para as 12 horas no Espazo Libro, onde pola tarde haberá unha mesa redonda sobre o teatro nas escolas, seguida dunha conversa con Xabier P. Docampo sobre o seu libro A nena do abrigo de astracán.

As músicas

No Espazo Carpa, adicado ás músicas da Culturgal, nesta primeira xornada poderemos ver

Matrioskas

, dúas mulleres cantando e contando en feminino, con Marta Ortiz e Sofía Espiñeira. O público poderá asistir á presentación do disco

Son da memoria

, de Seso Durán, e escoitar ao cuarteto Atrás Tigre, formado por Olalla Cociña (teclados e voz), Xiana Arias (baixo), Pedro Solla (voz e guitarra) e Antón Blanco (batería).

A programación infantil tamén arranca este venres para os nenos e as súas familias coas visitas teatrais á feira; a actividade de Ubú Teatro inspirada en A galiña azul, de Carlos Casares; a sesión de cultura científica do CSIC, Os cabaliños de mar: una familia moi singular; a presentación dos poemas infantís musicados, Canta a lúa coas estrelas, e da obra gañadora do concurso Balbino de relatos, De quen falará as árbores, de Ricardo Cid Paz.