Un vello roqueiro sempre disposto a disparar

Luís Pereiro vendeu 600 vinilos para comprar a súa primeira cámara Réflex. Dende entón, apunta con ela a todos lados


pontevedra / la voz

Pensen nunha desas comidas galegas cen por cen. Si, nesas que se serven nos días de festa na aldea, nas que se empeza por callos, se segue con cocido, se lle bota o dente despois a un bo cabrito e sempre queda sitio para o brazo xitano ou o roscón mollado en viño tinto. Parece demasiado. Pero todo está rico e todo acaba collendo dentro sen maior problema, aínda que haxa que empatar o xantar coa cea. Pois algo así ocorre cando un fala con Luís Pereiro. El é como unha desas comidas pantagruélicas. A súa conversa resulta tan interesante que un non sabe moi ben por onde atacar. Pode falar de música e contar como foi iso de andar de xira con Los Suaves, fotografando a Yosi, ou do grupo de rock que montou cos compañeiros de traballo. Pode falar de atletismo e lembrar que foi o primeiro veciño de Palas de Rei que se plantou nunha maratón. Pode falar de educación tras media vida como docente, enrolado en proxectos coa Unesco para levar aos alumnos polo mundo adiante. Pode falar de fotografía porque é un home a unha cámara pegado.... Así que un decide escoitar e punto. Explícase ben coa súa madeira de mestre ata que, chegado un momento dado, di con voz pausada: «Marcho, que vaime sendo hora». Así é Luís, Luís Pereiro de Palas de Reis, un nome que alude ao lugar de Lugo que o viu nacer.

Sentamos á beira do Lérez. Chega el directo dunha mañá de traballo no instituto Luís Seoane de Monte Porreiro, onde leva unha morea de anos exercendo de profesor de Lingua Galega e formando parte do equipo directivo, así que o arranque da conversa vén dado. Luís lembra a ilusión que lle fixo ir traballar aí, hai xa 26 anos: «Había moita ilusión por mellorar o barrio, moitas ganas de apertura, unha asociación cultural dinámica... era un bo sitio onde ir», di con sorriso. Non foi doado. Lémbrase ben de cando a policía estaba un día si e un día tamén no entorno do instituto. Pero as cousas cambiaron. E mudaron para mellor. Está orgulloso do centro no que ensina. E segue namorado dunha profesión que, recoñece el, «pode influír moito na vida dos rapaces». Pronuncia esa frase e viaxa co pensamento á súa propia vida. Lembra entón a Alonso Montero, que foi mestre seu en Lugo, e di: «¿Ves? A Alonso Montero eu débolle moito do interese que teño pola literatura e por máis cousas», confesa. Entón, un pídelle que faga unha cronoloxía. E que conte a vida de cabo a rabo. E Luís, tan disciplinado como retranqueiro, acepta.

Naceu en Palas de Rei, nun ano importante. «Home, non vai ser importante. En 1956 naceu Miguel Bosé, Carolina de Mónaco e Luís de Palas», afirma entre risas. Estudou primeiro en Lugo e logo en Compostela. Fixo Xeografía e Historia e quixo cambiar o mundo. Foi rebelde, ou é rebelde, e en 1977 iso era sinónimo dalgunha que outra carreira diante dos grises. Lémbrao, como lembra el todo, con bastante máis humor ca drama. «Unha vez víñannos seguindo e acabamos meténdonos, así de repente, na universidade a falar cun profesor que era moi, moi pesado e empezounos a dar unha turra... que acabamos pensando que se cadra era mellor que os outros nos mallaran. Porque non acababa máis de falar», conta.

As oposicións

Xa entón era home de música, de gastar o que tiña en vinilos. E xa entón a súa banda sonora vital a compoñían moitos nomes propios do rock como Led Zeppelin, Creedence Clearwater Revival ou Bruce Springsteen. A música soaba e a vida avanzaba. Empezou a traballar de mestre de secundaria ben novo. E preparou as oposicións en Ribeira, mentres daba clases alí. Daría igual o sitio se non fose porque, por primeira vez na entrevista, o Luís retranqueiro da entón paso a un Luís moito máis sentido. «Cada día, os meus compañeiros e eu, malia que lucira o sol, xuntabámonos, baixabamos as persianas e estudabamos. Claro que iso era posible porque a miña muller se ocupaba dos nenos. Da miña filla maior, que xa nacera, e dos que tiñan os demais, levábaos a praia a todos», di. Fala dela, da súa compañeira de vida, e fai xustiza: «Ela sempre foi a que estivo aí, pendente dos rapaces, a que tirou para adiante con eles...», conta. Tiveron dous fillos. Luís di sen dicilo que está orgulloso deles. Fala de que Sara, a súa filla, mantén un vínculo enorme con Palas de Rei, a súa terra. E de que Carlos, o fillo, dálle mil e unha voltas a el como roqueiro.

Logo volve ao rego. Conta que leva anos metido a fotógrafo. «Sempre coa arma na man para disparar», di el, en alusión a súa cámara. Fai fotografía social, deportiva e, sobre todo, retrata a roqueiros. Durante una longa época estivo intimamente ligado a Los Suaves, sacándolle fotos de concerto en concerto, de ensaio en ensaio. Tanto lle quere á fotografía que para mercar a primeira cámara réflex vendeu 600 vinilos de rock. Un devece por preguntarlle como foi iso. Pero ve que Luís mira o reloxo e entende que hai que apurar. Aínda non falou de que é atleta, de que como veterano foi campión galego de 5.000 e 10.000 metros e de que segue indo a carreiras. Cóntao e di que, xa que logo, marcha. Non lle dá máis voltas. E un entende que, tratándose del, se marcha, como bo galego, é que ten que marchar. E punto.

OS SEUS TRABALLOS

Nas súas fotografías hai algo de todo. Amante do deporte, é habitual verlle nas súas páxinas nas redes sociais fotos de distintas citas deportivas, como a que se pode ver arriba. Pero tamén retrata a moitos músicos e se deixa levar pola beleza da paisaxe. Recentemente deu unha charla sobre fotografía. Horas antes de facelo dixo que «nin en soños» pensara en ter esa oportunidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Un vello roqueiro sempre disposto a disparar