O pai estradense de Pippi Mediaslongas

David Álvarez dálle vida en galego ao clásico infantil da autora sueca Astrid Lindgren


a estrada / la voz

Aquela inesquecible nena de trenzas con vida propia ten pai estradense. Non é o pirata que ela imaxina. É un devoto da cultura sueca que non parou ata lle dar vida en galego a un personaxe infantil que leva 72 anos espallando soños.

Ademais de adicto aos idiomas e viaxeiro infatigable, David Álvarez Martínez (A Estrada, 1972), é un apaixonado de todo o que teña que ver con Suecia. A atracción venlle da súa época de estudante. Cursando Filoloxía Xermánica comezou a lidiar co sueco por libre. En Santiago non había entón clases desta lingua, así que cando fixo un Erasmus en Alemaña aproveitou para aplicarse.

Pero sóubolle a pouco. Por fin cando se trasladou a Madrid -sacou praza como profesor de alemán na Escola Oficial de Idiomas- tivo a oportunidade de completar os estudos de sueco na Escola de Idiomas Jesús Maestro de Madrid, a única do país na que entón se ofertaba. Un curso intensivo en Suecia no verán do 2006 e varias viaxes de pracer non fixeron máis que aumentar a súa sede de cultura sueca.

E entón chegoulle a oportunidade. Foi no 2013. Conseguiu unha excedencia e, despois de dar a volta ao mundo, instalouse en Estocolmo, onde estivo ano e medio gañándose a vida como profesor de español, tomándolle o pulso á cidade e enchoupándose de cultura sueca. «Alí Pippi segue sendo unha icona presente en todas as partes. A obra continúase editando e léndose, utilízase nos colexios, sácanse álbums de manualidades...», explica David.

Foi entonces cando o estradense empezou a reflexionar seriamente sobre unha tradución da popular obra da autora sueca Astrid Lindgren ao galego. «É unha obra de 1945 que foi universalmente traducida. Está traducida a máis de 70 idiomas, pero nunca se traducira ao galego», comenta o filólogo.

Como case todos os nenos da súa xeración, David descubrira a Pippi de neno, na serie de televisión emitida en España. «A obra lina xa de adulto, cando visitei Suecia por primeira vez», conta. Como bo purista, leuna directamente en sueco e fíxose no país con varios exemplares de distintas edicións. Despois, convencido de que Pippi tiña que poder lerse en galego, David non parou ata dar cunha editorial disposta a apoiar a súa proposta. Onde atopou a complicidade que precisaba foi na pontevedresa Kalandraka, que a finais deste mes ten previsto lanzar ao mercado a primeira edición galega do primeiro dos tres libros de aventuras de Pippi, co título Pippi Mediaslongas.

«O máis difícil é trasladar ao lector conceptos culturais. Ás veces traducindo a palabra non traduces a idea. Ademais, Pippi está continuamente xogando coa linguaxe, cambiando letras de cancións e facendo rimas que hai que reinventar. É o máis bonito e o máis difícil da tradución», comenta David. «É un libro dos anos corenta, pero como é un mundo de fantasía segue sendo actual. É algo universal porque é o mundo dos nenos inventando historias», explica David.

O tradutor é un namorado de Pippi. E que é o que máis lle gusta do personaxe infantil?. Teno claro: «A súa linguaxe insolente e, sobre todo, ese darlle a volta completamente ás convencións dos adultos e crear o seu propio mundo de fantasía». «Está mentindo sempre pero de mentira. En realidade son mentiras imposibles de crer. Ela fabula, conta a súa propia historia», comenta o tradutor.

A tradución de Pippi non é o único proxecto que o estradense ten con Kalandraka. David Álvarez -que na actualidade traballa como profesor de alemán na Escola Oficial de Idiomas de Santiago- acaba de traducir tamén do noruegués ao galego a novela de Jostein Gaarder A terra de Anna, que chegou ás librarías este mesmo mes.

«Reinventar as rimas de Pippi en galego é o máis bonito e o máis difícil da tradución»

«É un libro dos anos corenta, pero como é un mundo de fantasía segue sendo actual»

A volta ó mundo dun «friki dos idiomas» nun barco xaponés

A paixón de David Álvarez polos idiomas vai parella á súa paixón polas viaxes. David non leva a conta, pero calcula que ata o de agora pode ter estado nuns sesenta países. Cando se bota polo mundo, sempre tenta aprender algo do idioma do país. «A verdade é que son un friki dos idiomas. Gústame analizar como funcionan e ver as diferenzas e as semellanzas», comenta. «Teño certa facilidade para os idiomas. Se estou no país, enseguida me empapo», confesa.

David Álvarez domina inglés, alemán e sueco; fala francés, italiano e portugués e pode ler en noruegués e danés. Ten estudado ruso, xaponés e árabe, pero agora considera que os ten «un pouco oxidados». «Un idioma é algo infinito para aprender. Sempre hai expresións novas e hai que estar enriba deles», conta.

Na súa faceta de trotamundos, unha das viaxes que máis envexa dá é a volta ao mundo que fixo no 2012 a bordo dun barco xaponés. «Era unha etapa na que necesitaba un cambio. Fun de voluntario dar clases de inglés e español no Barco da Paz que unha ONG xaponesa ten dando a volta ao mundo tres veces ao ano con fins de concienciación antibélica e medioambiental», explica. En tres meses percorreu o planeta de punta a punta, con saída desde Xapón e paradas en Tahití, Perú, Cuba, Senegal, Exipto, India ou Singapur. De regreso á terra, David chegou con mono de aventura e volveu emprender ruta cara Vietnam, China, Nova Zelanda e as illas do Pacífico. «Como Pippi Mediaslongas, que no terceiro libro viaxa aos mares do Sur», compara.

«É difícil escoller, pero a natureza en Nova Zelanda é impresionante. Estiven tres meses traballando de voluntario en granxas locais e a sensación de desconexión é total», recomenda.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O pai estradense de Pippi Mediaslongas