«Hai cousas delirantes en Cisxordania»

«Colonos e pombas» guiará ao Principal pola aventura diaria dun grupo de nenos palestinos para ir ao colexio escoltados


Pontevedra / La Voz

Alfonso Pérez (Ourense, 1973) e Marga Pazos foron os primeiros en gravar a perigosa ruta escolar duns nenos palestinos.

-¿En que momento nace «Colonos e pombas»?

-No momento en que me decatei de que era o único exército que estaba ocupando o territorio de Cisxordania que tiña que, ao mesmo tempo, defender supostamente aos nenos dos colonos, e a estes dos palestinos. Era todo moi contraditorio, moi paradoxo e elocuente da situación un pouco histérica que se vive coa ocupación de Israel en Palestina.

-Ir alí e vivilo, ¿axuda a entender mellor o conflito ou aínda menos?

-Serve para entendelo aínda máis, porque un pode visualizalo en mapas, ver os xornais e a televisión, pero unha vez que estás alá vívelo en primeira persoa, e tamén o sofres. Cando decides ir alí tes que pasar os check points, retencións do Exército ou da Policía ou rexistros igual que os palestinos. Permite visualizar moi ben sobre o terreo cal son as consecuencias da ocupación: familias divididas por muros, xentes que antes para ir ao colexio tardaba cinco minutos e agora unha hora por un muro, ou simplemente non teñen acceso a auga cando diante teñen unha colonia que vive moi ben, con todas as comodidades de calquera vila.

-¿Chega un a estar preparado para o que se atopa alí?

-Sempre sorprende. Eu era a quinta vez, pero sempre tratas historias e causas diferentes, e sempre hai algo que impacta. Un está preparado e ao mesmo tempo non o está, porque non sabes que podes atopar alí. Igual non o está para escoitar os colonos de Hebrón dicir que o seu propio Estado, o de Israel, sométeos a unha especie de apartheid a eles mesmos. Hai cousas que chegan ser delirantes nun momento dado. Non, nunca estás preparado para todo o que ves e escoitas.

-¿E os riscos físicos?

-Nós non percibimos ningún intento de agresión, pero si a tensión que vivían os italianos cos que estabamos, que cada vez que vían a imaxe branca (ían sempre de branco) dun colono, empezaban a retirarse e a correr, e tiñamos que correr por distintos traxectos para que non nos visen, afastarnos das estradas que utilizan os colonos porque en calquera momento podíamos sufrir un ataque deles. Un nunca se sinte seguro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Hai cousas delirantes en Cisxordania»