«Queremos potenciar a voz, non ser un tipo de charanga»

La Voz

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

As Reixas e A Navarra funcionarán como escenario dos últimos cantos de taberna da tempada

01 jul 2016 . Actualizado a las 05:10 h.

Mar Fernández forma parte do grupo Maravallada. Hoxe, finalizará o ciclo Cantos de Taberna no Reixas e na Navarra. A tradición e a melodía volve aos bares, na procura dun costume en perigo de extinción.

-¿Canto leva vostede cantando polas tabernas?

-Dende o principio. En Maravallada todos empezamos xuntos. Menos un membro que se incorporou o ano pasado, o resto cumpriremos os sete anos proximamente, creo.

-¿Como xorde a idea de xuntarse para recuperar estes cantos?

-A todos nos gustaban e coñecémonos a través da asociación cultural Trepia. Decidimos montar unha cousa un tanto diferente, máis pensada nos cantos de taberna propiamente.

-¿Maravallada ten por obxectivo recuperar este fermoso costume case extinto?

-Si, é unha das funcións. Tratamos de respectar o formato orixinal. Queremos darlle prioridade ao son vocal, as voces, por enriba dos instrumentos, deixalos nun plano secundario. Non somos unha charanga. Gústanos xogar coas voces.

-Nas actuacións reparten as letras entre o público para que se sumen á festa.

-Si, antes de comezar repartirmos os folios. O certo e que agora xa non é moi necesario porque temos xente moi fiel seguíndonos e xa as saben.

-Involucrades a xente no concerto.

-É que non é un concerto. Levamos a voz principal pero o que facemos e que todo o bar se anime a unirse e que colaboren coas súas propias pezas. A verdade e que temos un público moi leal que se apunta a todo.