O Indiana Jones que ensina música

María del Carmen García de Burgos Velón
carmen garcía de burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MONICA IRAGO

Foni Díaz, mestre de instituto de 53 anos, percorreu máis de cen países cunha mochila e moitos deles, só

10 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cousas destas», sentenza Alfonso Díaz, Foni, para rematar algunhas das aventuras propias dunha película de Indiana Jones que almacena nos seus 53 anos de vida. «Se vexo que un rapaz está bostezando cambio o discurso e cóntolles algunha anécdota», recoñece o mestre de música e ciencias sociais do IES de Ponte Caldelas, «porque «non é cuestión de ser o avó cebolleta». Profesor de instituto dez meses ao ano, todo o seu tempo libre dende hai 33 anos adícallo a viaxar. Sen hoteis nin reservas. En moitas ocasións, sen compañía. Foni ten percorrido máis de cen países unicamente cunha mochila e, dependendo do caso, o seu amigo Xabier, a súa muller ou a súa filla Xiana. Aínda así, tres é o peor número para emprender unha aventura, confesa.

Por iso non lle dá ningún medo coller calquera medio de transporte ?«non lle teño moita querenza ao tren», recoñece? para plantarse en calquera recuncho do mundo preparado para deixarse convencer. Non importa se é das atrocidades que se ven obrigados a sufrir os países máis pobres por culpa das multinacionais e da permisividade do Primeiro Mundo, ou da maxia de África.

Foi ese continente, posiblemente, o que máis veces visitou na súa vida. Unha especie de febre polo anaco negro do planeta apoderouse del hai uns anos, e non cesou ata que o percorreu enteiro. Mozambique e Kenya foron, xunto a Etiopía, as rexións que máis o engaiolaron. Pero África tamén agocha algunhas das imaxes máis duras ás que tivo que facer fronte. Nenos que agardaban o paso do jeep facendo xestos para pedir unicamente auga nunha zona asolada por «unha seca atroz»; o horror de ter estado en Ruanda tan só dous meses antes da brutal matanza tutsi por parte dos hutus; ou o terror de ver na tele como fusilaban a un home por ter roubado un ventilador en Burkina Faso mentres el practicamente a deixaba atrás.