«Estou namorada dos poetas galegos»

La Voz

PONTEVEDRA

MARCOS MÍGUEZ

A artista portuguesa confesa que a música hai que sentila, e que temos máis cousas en común co seu país que separacións.

19 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

María do Ceo logrou ser recoñecida como unha das grandes cantantes de fado do mundo. A melancolía da súa voz e a paixón do seu timbre son inimitables. Como moitos din, corpo de muller, alma de fado. Mañá, estará no Sexto Edificio, presentando o seu último disco. En marzo, voltará a Cangas.

-¿Que ten o fado que non teña outra música?

-Dende o meu punto de vista o fado é moi paixonal, moi melancólico. Tes que sentilo. de corazón. Tanto o público coma a artista están moi conectados. Despois, as letras ou as poesías, soen falar de momentos da vida nos que calquera pode verse neles. Cando enriba tes unha guitarra portuguesa capaz de chorar, imaxínate. Éntrache na alma.

-A música se non se sinte, non é música.

-Eu cando entro en Portugal e xa empezas a escoitar a radio portuguesa xa me empeza a encher una emoción particular. Iso é a música, dende logo.

-Ademais do idioma, ¿que lazos lle ve a galegos e portugueses que nos una como individuos?

-Únenos todo. A gastronomía, a climatoloxía... Temos máis cousas en común que separacións. Se hai algún prexuízo pode ser político pero iso nada. Fai uns centos de anos Portugal e Galicia estaban unidas. Eran o mesmo e falaban a mesma lingua. Somos todos o mesmo, soamente que falamos con algúns acentos diferentes.

-O teu último traballo resultou ser un disco dobre. É algo incrible para os tempos que corren.

-Eu é que invirto en discos. Prívome doutras cousas e gasto na música. Todo fágoo eu, os meus discos son autoproducidos. Creo discos de autor. É a única maneira de facer un traballo desta categoría tan fermosa. Se dependera de alguén mais sería impensable porque cun disco así non podes pensar en gañar diñeiro. Eu quería unha xoia e arrisquei con isto. Se se vende ben, se non, non pasa nada.

-¿Como analizaría a súa evolución musical e persoal?

-No ano 2008 hai un antes é un despois na miña maneira de cantar. Funme afianzando e a medida que pasaban os anos logrei unhas características diferentes, que non tiña, e que creo que melloraron as miñas cancións. Cantar máis grave por exemplo.

-¿Por que é habitual ver aos poetas galegos musicalizados?

-Porque foron tan grandes que os seus poemas de amor, fermosísimos, aínda perduran. Blanco Amor describindo o amor é único. Cabanillas, Celso Emilio, Ferrín, Curros... Quedei totalmente namorada de todos eles. Se Rosalía nacera en Portugal, hoxe os fados terían as súas letras.

-¿Como perciben os fados no resto do mundo?

-Enténdenos igual porque a música traspasa todo. En Exipto, o dono do lugar que tocabamos chorou na proba de son co Fado de lágrima. Traducímoslle a letra e dixo ?é xusto o que sentía?.