«Ata que a Xunta non faga as obras pendentes seguiremos con parches»

PONTEVEDRA

Manuel Carpintero asumiu a dirección do colexio Froebel o curso pasado e antes fora secretario.
Manuel Carpintero asumiu a dirección do colexio Froebel o curso pasado e antes fora secretario. capotillo< / span>

O director do Froebel confía en que a Consellería de Educación remate a reforma no 2018, aínda que sexa con tanta demora

13 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O CEIP Froebel iniciou con normalidade o novo curso despois do compromiso da Xefatura de Educación de acometer as obras pendentes de mellora do edificio escolar nuns prazos determinados. A folga convocada pola Anpa quedou así desconvocada a só tres días da volta dos nenos ás aulas. Manuel Carpintero, director do centro, comparte a preocupación dos pais e nais, e confía en que, aínda que con moita demora, se complete unha reforma máis que necesaria.

-Ao final houbo entendemento con Educación, pero o acordo non parece tan satisfactorio.

-O que se pedía reiteradamente, aparte de facer as obras coa máxima celeridade posible, era que confirmaran ou puxeran uns prazos definitivos. E o xefe territorial de Educación si que deunos esas datas. Non coa premura que todos quereriamos, xa que se demora o final da reforma ata o 2018, pero polo menos temos ese compromiso de prazos e esperamos que se cumpra.

-¿Que consecuencias houbera tido para os nenos iniciar o curso cunha folga?

-Non era realmente unha folga. Era chegar o primeiro día de curso os pais cos nenos, concentrarse diante do centro e despois marchar e non entrar. Era, en principio, unha soa xornada e despois xa verían se tomaban outras medidas.

-¿En que situación está o centro, cales son as deficiencias e que obras quedan por facer?

-Realmente, poderíamos dicir que a parte que falta por executar é a máis voluminosa e complexa, pero ata certo punto a menos urxente e non impide o funcionamento do centro. As zonas que peor estaban foron as que xa se reformaron. O que pasa é que neste momento xa tiñan que estar todas as obras rematadas, e non están. A parte dereita do edificio que da á rúa Alfonso XIII quedou moi ben. Queda por completar a segunda fase de mellora da parte esquerda do edificio, que limita coa Facultade de Belas Artes. E queda por executar a terceira fase, que é toda a parte central do inmóbel, con aulas en moi mal estado e o patio, que é onde máis auga entrou sempre. Agora, cos parches que foi facendo o Concello, poñendo algo de tea asfáltica, revisando caleiros e tal, está entrando menos auga, pero houbo anos nos que se formaban verdadeiros charcos.

-Este inverno igual toca volver a parchear á espera da terceira fase do proxecto.

-O curso pasado xa choveu moitísimo menos, e imos ver que pasa este ano. Igual hai que volver a revisar os caleiros, limpar o tellado... Non sei. Ata que a Xunta non faga as obras pendentes, se é necesario, seguiremos cos parches. E diso se encarga o Concello.

-¿Cantos anos levan de obras?

-Ponlle que cinco anos desde que empezaron a facer o proxecto inicial, se non máis. E temos por diante outros tres anos. No 2016 se completará a segunda fase co cambio de carpintería, novas fiestras e acondicionamento de armarios nas aulas e infantil e outras dependencias. E no 2017 e 2018 farase o proxecto da terceira fase que é o máis complexo e custoso porque hai que cambiar toda a cuberta da parte central.

-¿Que papel xogou a dirección e o profesorado no conflito con Educación? ¿As reivindicacións dos pais son tamén as súas?

-Nos sempre estivemos ao lado da Anpa e dende o centro fomos moi persistentes nas peticións e demanda das obras á Xefatura Territorial porque as deficiencias as sufrimos todos os días. Outra cousa son as actuacións que realizaron os propios pais.

-¿Á marxe dos problemas estruturais do centro, como se presenta o novo curso?

-Coa aplicación da Lomce en segundo, cuarto e sexto curso hai cambios que aínda non sabemos como afectarán. Nós levamos dende o principio no espazo Abalar e unha das novidades deste ano é que nos incorporamos ao programa E-EDIXGAL só para os alumnos de quinto de Primaria, que utilizarán o libro dixital.

-A Lomce se aplicou o curso pasado nos cursos impares de Primaria e este ano se acabará de implantar nos cursos pares. ¿Segue a suscitar moitas reticencias nos pais?

-O ano pasado o que máis reticencias provocou foi a revalida de terceiro. A Lomce da a posibilidade de dar máis ingresos, máis fondos económicos, a uns centros ou outros en función dos resultados desa proba. Abre esa físgoa e as Anpas non están de acordo en clasificar por iso aos centros dunha maneira ou de outra. Pero a verdade é que nós non tivemos queixa deses resultados. Este ano se implanta a revalida de sexto ou de fin de etapa de Primaria e esa, en principio, tamén preocupa aos pais porque pode ter máis implicacións para o alumno cando vaia ao instituto co papel escrito do nivel que acadou nunha proba única dun día.

-¿Sufriron recortes orzamentarios ou de profesorado?

-Non. O noso orzamento é de uns 18.000 euros e mantense cen euros arriba ou cen euros abaixo. En canto aos profesores, hai uns anos tiñamos 22 e agora, co desdobre dunha aula, temos 21, pero ata ese desdobre estabamos en 20. Aí notouse, pero arranxámonos.

-¿Tiveron problemas coa configuración das aulas por exceso de alumnos?

-Non. Todo o contrario. O ano pasado tivemos un aula que superaba os 25 alumnos, pero este ano a Inspección nos permitiu desdobrala.

-¿Hai que comprar libros novos este ano?

-Os de primeiro e segundo, como son funxibles, estanse cambiando todos os anos. No noso caso, os de terceiro e quinto xa os mantivemos o ano pasado e seguen. Os de sexto tamén porque o ano que vén se incorporan os dixitais. E os que si cambian son os de cuarto.

-¿Cantos alumnos e cantas unidades ten o Froebel?

-Aproximadamente 250 alumnos e 12 unidades, 9 de Primaria e 3 de infantil. O que se notou este ano, e penso que é unha cuestión xeneralizada, foi unha menor demanda en Infantil de tres anos. Non se cubriron todas as prazas.

-¿E en Primaria?

-En Primaria houbo lista de espera como todos os anos porque non temos suficientes unidades. Mentres o Concello non nos traspase o Arquivo Municipal, que ocupa parte do baixo do noso edificio, non temos posibilidade de ter máis unidades.

-¿Hai conversas co Concello para recuperar o Arquivo?

-As houbo coa anterior dirección e dixeron que co traslado do Concello a Michelena habería posibilidade, pero quedou en nada. Todos os anos mandamos unha carta para pedir a recuperación do Arquivo, pero debe ser que están aquí moi cómodos ou non saben para onde levalo. Dispoñer dese espazo para nós sería importante porque nos permitiría redistribuír servizos e gañar dúas ou tres aulas.

-A Xunta ten pendente a revisión da zonificación escolar. ¿Cal é a area do Froebel?

-Cubrimos desde Arzobispo Malvar, toda a avenida do Uruguai e Corbaceiras ata San Roque e a Alameda. Hai anos collíamos Santa María ata Isabel II e hai xente por aí cerca que querería vir a este centro. Revisar a zonificación me parece ben, pero a nós non nos afecta mentres non teñamos máis espazo e máis unidades.