Preocupación polo traballo

X. Ramón Vidal OPINIÓN

PONTEVEDRA

30 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo os últimos datos do Servizo Público de Emprego de Galicia (xullo 2015) o emprego medra na nosa comarca con cifras interanuais relativos do 11%. Esta empregabilidade debe observarse con cautela, xa que a maioría destes empregos están lastrados por importantes eivas nas que os traballadores contratados segundo a derradeira Reforma Laboral do PP sofren inestabilidade na súa consolidación.

O modelo de contratación segue a basearse nunha excesiva dependencia do sector servizos e esta enciméntase en actividades e factores estacionais e tradicionais, o que fai que a nosa economía sexa moi vulnerable aos vaivéns dos ciclos económicos esóxenos.

Non dispoñemos de nichos competitivos e cun valor engadido, polo que a maioría son directamente dependentes do emprego directo das Administracións e os seus servizos, do comercio ou da hostalería. Así nos podemos explicar os períodos de datos favorables, pero estes sempre condicionados aos momentos de maior actividade hostaleira e comercial.

No turismo, ao ser o de maior dinamismo, vemos unha ocupación moi positiva. Estas fortes alzas, non se están a trasladar ao ámbito contractual coa estabilidade necesaria, senón na maioría dos casos con contratación parcial ou coa concatenación de contratos temporais no mellor dos casos.