Filgueira reina no Museo de Pontevedra

PONTEVEDRA

A institución cultural acolle dende onte unha magna exposición sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas

25 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A falla de tres semanas para a gran festa da palabra do 17 de maio, o Día das Letras Galegas non podía ter mellor limiar que a exposición Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia, inaugurada onte no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán. Foi un concorrido acto que reuniu a toda a familia de Filgueira e aos seus máis ferventes admiradores da intelectualidade galega. A mostra céntrase na vida e na obra dunha das figuras máis sobresaíntes do século XX en Galicia con proxección universal. Estruturada en 15 capítulos, o seu comisario, Carlos Valle Pérez, foi o encargado de guiar a visita comentada por este gran libro expositivo, pasando polas diferentes etapas da súa vida, a súa vinculación co Seminario de Estudos Galegos, o seu papel como defensor do idioma, o seu compromiso co galeguismo, o seu labor no Instituto de Pontevedra e na creación do Museo, os cargos que desempeñou como alcalde de Pontevedra, conselleiro de Cultura e presidente do Consello da Cultura, e as súas facetas como escritor, estudoso da literatura e de múltiples saberes.

Toda a documentación e a biblioteca de Filgueira que os seus fillos e a Fundación que vela polo seu legado depositaron no Museo, perfectamente catalogada, fixo posible esta exposición na que se pode ver dende o mobiliario do seu despacho ata as obras dos artistas renovadores da súa colección privada, como Laxeiro, Torres, Souto, Sobrino... Tamén as medallas que recibiu, o seu epistolario e os principais traballos de investigación e creación literaria.

«De corpo enteiro»

Como sinalou Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, nesta mostra «aparece de corpo enteiro a polifacética, a poligráfica, a oceánica figura de Filgueira e entra polos ollos un dos capítulos máis importantes da cultura galega de tódolos tempos». Núñez Feijóo, pola súa banda, lembrou que Filgueira «pertence a unha xeración que se propuxo liberar a Galicia da maneira máis fermosa: coa cultura». Engadiu que foi «un entrañable infiltrado da cultura no mundo político» e que sen a súa pegada probablemente non existiría o Seminario de Estudos Galegos, nin o Museo de Pontevedra, nin o Consello da Cultura Galega. O definiu como un «home faro» da intelectualidade e subliñou que esta exposición dá fe da altura de quen contemplou Galicia e o mundo desde Pontevedra. Estas e outras moitas gabanzas foron agradecidas polo seu fillo, Fernando Filgueira Iglesias, cun «sentimento de acougo».

Ausencia de Lores

O presidente da Diputación, Rafael Louzán, subliñou tamén que a mostra é «un agradecemento á entrega e á dedicación de quen fixo posible o que hoxe é o Museo». E no seu discurso puxo en evidencia a ausencia do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, neste homenaxe ao protagonista do Día das Letras Galegas, sendo un pontevedrés.