Unha marea de público e creadores invade Culturgal

Elena Larriba García
elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O pago de dous euros pola entrada non restou afluencia xa que o público entendeu a filosofía da corresponsabilidade

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Xusto á entrada do recinto feiral, no Espazo Bebés de Culturgal, Teatro Miolo ten extasiados aos máis pequeniños. O espectáculo debe ser bo porque a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, decide alí mesmo contratar a esta compañía para o próximo Salón do Libro Infantil, só unhas horas antes de presentar o cartel da próxima edición.

No Espazo Tenda, ávidos lectores mercan algunhas das últimas novidades literarias cun desconto do 10 %. E a medida que os visitantes avanzan polo corredor central da feira, dous membros da banda de percusión Trópico de Grelos sáenlle ao paso facendo malabares cos bombos e mazas. Outros expositores tamén buscan á atención do público cara todo tipo de produtos culturais do máis atractivos.

Mentres, no Espazo Libro, Kalandraka está a presentar nese momento a versión en galego de A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, inspirador do modelo urbano de Pontevedra. E escoitase ao concelleiro César Mosquera dicirlle ao pedagogo Antón Costa, que este libro é «un manual de urbanismo extraordinario». Por este espazo pasaron onte unha ducia de autores que participaron en presentacións e conversas literarias.

Segue a visita polas músicas da feira no Espazo Carpa, onde soan seis baladas galegas para clarinete e piano de Juan Montes; o rock e canción de autor de Roberto Sobrado Grupo; os clásicos do blues mesturados co folclore galego de Piti Sanz, e Lúas de outubro e agosto, o agardado disco de Guadi Galego. Presentouse ademais unha nova edición do festival Implícate, de música, danza, teatro e literatura, con Mercedes Peón. E xa pola noite no Pazo soou A Dança dos Moscas, no concerto de Caxade e A Banda de Bandeira.

Por Culturgal tamén pasaron onte os actores Antonio Durán Morris e Pedro Alonso, que asinaron créditos nunha performance bancaria para presentar a nova comedia de Eme2, O Crédito. A proxección da película Encallados, de Alfonso Zarauza, e un maratón de webseries completaron a segunda xornada de Culturgal, invadida por unha marea de xente.

O pago de 2 euros pola entrada non resta afluencia e o público entendeu a filosofía da corresponsabilidade. Xesús Arcos, que vén todos os anos a Culturgal dende Santiago, pensa que «as cousas que se pagan se valoran e ás de balde non se lle da valor». Ana González veu desde Silleda e coincide en que «o público ten que contribuír». E María Xosé Lama, de Vigo, di que «2 euros tampouco é tanto para todo o que hai aquí».