Unha mostra rememora os vinte anos da cultura Bravú

Elena Larriba García
E. Larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CapotilloCapotilloCapotillo

O Pazo acolle a historia dun movemento que partiu da musica rock en galego e estendeuse a outras expresións artísticas

18 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela! é o título da exposición que acolle dende onte o vestíbulo do Pazo da Cultura, organizada pola Concellaría de Normalización Lingüística para celebrar os 20 anos do nacemento dun movemento cultural que transcendeu o eido da música e abrangueu diversas expresións culturais conseguindo que a lingua galega fose a canle común de creación para chegar a cada recuncho desta terra e aínda traspasar fronteiras.

A inauguración da mostra estivo a cargo do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e no acto participaron Xurxo Souto, comisario da exposición, fundador de Diplomáticos de Monte Alto e protagonista do nacemento e da evolución do movemento Bravú, e o músico rapeiro e regueifeiro galego Pinto de Herbón.

A noite de Santos de 1994, nunha taberna de Viana, Chantada, naceu o Bravú. Unha etiqueta creada polos propios músicos que serviu para bautizar o rock rural cantado en galego, «magma vizoso que entón estaba a agromar por todo o país». Vinte anos despois lémbrase o comezo desta aventura, como unha referencia cultural e unha proposta de traballo colectivo para coñecemento das persoas novas.

Segundo os seus iniciadores, o Bravú comezou sendo guitarra e distorsión, mais axiña estendeu o seu berro por outros camiños. Nesta exposición recóllese ese proxecto de axitación xeral, alicerce dunha tradición, e tamén impulso creativo para os novos tempos.

Ademais de discos, cedés, camisetas, chapas, carteis, paneis informativos e instrumentos musicais, esta mostra achega un proxecto iconográfico novo. É a primeira exposición de lonas de gran formato do rock galego.

Neses grandes panos se identifican cos seus símbolos os diferentes grupos pertencentes a este movemento: Rastreros, Diplomáticos de Monte Alto, O Caimán do Río Tea, Ruxe Ruxe, Skornabois? Emblemas dun tempo cargado de creatividade e vehemencia. Tamén poden encadrarse neste movemento Os Resentidos, Heredeiros da Crus, Yelow Pixoliñas e outras bandas que xurdiron pola xeografía galega

A mostra estará aberta no Pazo da Cultura ata o 7 de decembro.