«A xente pode asinar unha petición solidaria, pero de aí a implicarse, vai a longo prazo»

María del Carmen García de Burgos Velón
carmen garcía de burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Carmelo é diretivo de Amarante e colabora con diferentes onegués de Pontevedra.
Ramón Carmelo é diretivo de Amarante e colabora con diferentes onegués de Pontevedra. capotillo

O cambadés afincado en Pontevedra Ramón Carmelo, de Amarante, matiza que o éxito mídese de xeito diferente en función de cada campaña

04 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ramón Carmelo (Cambados, 1970) é un dos activistas más implicados nas iniciativas solidarias de Pontevedra. Esa participación permitiulle vivir en primeira persoa algunhas campañas con repercusión internacional. Delas falou na terceira Escola de Verán de Boa Vida, exemplificándoas en Roupa Limpa.

-¿En que consiste a campaña?

-Trátase de sensibilizar á poboación e de buscar alternativas ao consumo responsable de roupa. Búscase que a xente primeiro se conciencie, e logo se autoorganice. Dende aquí faise traballo de denuncia, de presión ás empresas comercializadoras, e de creación de redes a nivel local e galego para crear outras alternativas de consumo e produción nese ámbito. E buscando esa incidencia política, de concienciación e empoderamento.

-¿Como se coordina unha campaña internacional?

-A última campaña que se fixo foi en relación co derrubamento da fábrica en Bangladesh que houbo o ano pasado, onde morreron mil e pico persoas. Nese caso trabállase tanto a nivel de denuncia como de sensibilización, primeiro a nivel de cada país, e logo nós facemos de altavoces, e tratamos de presionar ás empresas para que cumpran os códigos éticos que din ter no ámbito da produción. Nós en Galicia fixemos unha de recollida de sinaturas e outra de concienciación, cunha concentración diante dunha das empresas implicadas, nunha acción de rúa para denunciar que aínda non sucribira o código de conducta para indemnizar ás familias das persoas que morreron nese accidente.

-¿Como se consegue que teña incidencia política?

-Con ese tipo de estratexias: denuncia, presión ás empresas... Amarante como organización ten accións en algunhas empresas, e asistimos e preguntamos, e solicitamos información sobre certas políticas que leva a cabo.

-Iso semella máis a nivel social, pero ¿e a incidencia política?

-Trabállase con gobernos para que as Administracións públicas, na contratación de servizos ou productos no ámbito do textil, teñan en conta empresas que cumplan criterios éticos na produción e comercialización dos seus produtos. Tamén hai un traballo que é menos visible, que é tratar de conseguir que iso se vaia implementando, concienciando á xente.

-¿Cal foi a campaña máis exitosa?

-Nesa campaña de Bangladesh, por exemplo, conseguimos que gran parte das empresas comercializadoras suscribiran a indemnización que se lle estaba esixindo pola traxedia de Bangladesh. Pero o éxito... ¿mídelo por que consigues o obxectivo, polas visitas que tes en facebook, as sinaturas que respaldan esa petición...?

-¿Pontevedra vólcase con estas campañas?

-A xente en xeral eu penso que é sensible a estas cuestións. Estamos falando de cambios moitas veces de hábitos e de mentalidade, e a xente si che pode asinar o apoio a unha campaña, pero de aí a dar un paso e implicarse máis persoalmente, ou a formar parte dunha organización iso é un proceso a medio ou longo prazo.

ramón carmelo activista

«Amarante ten accións en firmas, e preguntamos

e pedímoslles información»

«Os pontevedreses son sensibles, pero falamos de cambio de hábitos e mentalidades»