Os mellores relatos, en familia

Elena Larriba García
Elena larriba LA VOZ / PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O Pazo da Cultura acolleu a entrega dos premios do certame de relato curto convocado pola Federación Provincial de Pais e Nais

30 may 2014 . Actualizado a las 18:05 h.

O Pazo da Cultura acolleu onte a festa da creatividades coa entrega dos premios da segunda edición do certame de relato curto convocado pola Federación Provincial de Pais e Nais de centros públicos de Pontevedra. Sen dubida, este concurso cumpriu os seus obxectivos de fomentar a creatividade dos rapaces, potenciar a expresión e comprensión escrita e estimular o uso do galego nas familias. Iso salta á vista ao comprobar a alta participación que tivo este concurso con 445 relatos presentados. Como sempre, os mais pequenos foron os máis comprometidos, xa que a categoría de primaria foi na que competiron maior número de traballos, seguida da de secundaria e con menos participación a de adultos e de bacharelato.

Do que se trataba era de traballar pola lingua en familia, de aí a participación dos adultos que conviven cos escolares, pais ou profesores. As autoras e autores finalistas, 100 en total, recibiron un libro publicado pola editorial Kalandraka con cada un dos seus relatos. E de entre eles o xurado nomeou un gañador en cada categoría. Un duro día no salvaxe Oeste, de Miguel Bouzas Rodríguez, do CEIP Cabanas, foi o galardoado en Primaria. En Secundaria o premio foi para Eugenia García Magaña, do IES Alobre de Vilagarcía, polo relato Quen di adeus non verá o mañá. En Bacharelato gañou Ricardo Rodiño Balboa, do IES Vilalonga de Sanxenxo, co seu relato Memorias de guerra. E na categoría de Adultos, o premio foi para Agás, de Roberto Antón Santiago, do CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra. Ademais da publicación dos seus relatos, todos eles recibiron un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka e unha lámina autenticada polo ilustrador Pablo Otero. Nesta festa da creatividade en familia participaron os concelleiros de Normalización Lingüística e de Educación, Demetrio Gómez e Agustín Fernández, xunto coa diputada Ana Isabel Vázquez, en representación das entidades colaboradoras, Concello e Deputación.

O mal tempo impediu que a homenaxe a primeira directora da antiga Escola Normal de Maxisterio de Pontevedra, Ernestina Otero, se celebrase onte diante do edificio de ladrillo vermello da Alameda que fora sede de este centro. O paraninfo do Instituto Valle Inclán acolleu finalmente este emotivo acto, no que participaron familiares, representantes das institucións públicas, encabezados polo alcalde Fernández Lores, e unha chea de xente do mundo do ensino. Foi un merecido recoñecemento a unha defensora da liberdade e da renovación do ensino público, que estivo moi vinculada a esta cidade. Esta homenaxe serviu de antesala do segundo Simposio Memoria de Mulleres sobre A escola represaliada e resistente, que se celebra hoxe e mañá na Casa das Campás, coa participación de diferentes especialistas. Os relatorios centraranse no compromiso das mulleres educadoras coas futuras xeracións. Na primeira xornada intervirán Anxo Porto Ucha e Raquel Vázquez Ramil.