Pontevedra viviu na rúa o seu Día das Letras Galegas

Pontevedra / La voz

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Varios actos reivindicaron na cidade a vixencia da Cultura do país

18 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Queremos galego, homenaxeamos a Rosalía, reivindicamos a Cultura galega. Todo iso, e máis, foi onte a celebración en Pontevedra do Día das Letras Galegas, unha celebración que se viviu na rúa con diversos actos dende a mañá ata a noite.

A plataforma «Queremos Galego» protagonizou unha concentración na praza da Peregrina na que se fixo un chamamento para «seguir loitando para que a nosa lingua teña o estatus que se merece na nosa terra». No manifesto lido no acto, pediuse «un paso adiante» no uso do idioma nos centros educativos, na Administración, en medios de comunicación ou nas ofertas de lecer e comercio.

Practicamente á mesma hora, os PSOE pontevedrés desenvolveu o seu propio acto das Letras, neste caso cunha homenaxe na estatua de Rosalía de Castro, a autora de Cantares Galegos, cuxa publicación conmemórase cada ano nesta data.

Ademais, o Concello aproveitou a celebración do Día das Letras para estrear na Ferraría a exposición «Chamadeiros», que recupera a toponimia dos lugares do concello de Pontevedra.

O día pechouse na praza dedicada a outro grande das letras galegas, Curros Enríquez, onde tivo lugar o acto popular en homenaxe ao poeta Xosé María Díaz Castro, a quen se lle dedica este ano o día das letras. Houbo un recital poético, e as actuacións da Coral Polifónica de Sobradelo, do Coro da Asociación Sociocultural O Burgo e da Banda de Música de Pontevedra.