«Son tímida, pero cando me lanzo... Non me fagas falar»

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

A popular actriz declárase unha apaixonada de Pontevedra

21 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

María Campos (San Xurxo de Sacos, 1960) é un dos piares da compañía Migallas. Empezou no teatro un pouco por casualidade e na escena atopou o medio de vencer a súa timidez. Apaixónanlle os nenos e os avós á hora de interpretar. Espectáculos teatrais, contacontos, obradoiros de expresión dramática, visitas teatralizadas, discos e libros enchen a longa traxectoria desta actriz, compartida co seu compañeiro Carlos Yuste. O humor e a crítica social van da man cando sobe ao escenario e entre os seus personaxes máis mediáticos está a señora Palmírez, «dos Palmírez de toda a vida», ou a señora Manuela.

-¿Como se pode ser tímida traballando cara ao público?

-É a maxia de subir ao escenario. Deixas de ser ti e convérteste noutra persoa capaz de facer calquera cousa. Eu téñolle medo ás alturas, pero se me meto dentro dun personaxe podo subir ao muro máis alto que non pasa nada. Por iso nos talleres de teatro gústame traballar con nenos que teñen problemas para relacionarse, porque sei que isto vai ser unha ferramenta importantísima para a súa vida, cheguen ou non a ser actores.

-¿E que pasa co medo escénico?

-Iso depende de cada un. Hai xente moi desinhibida na súa vida privada... Cantas veces me veñen pais dicindo que os seus fillos son uns teatreiros. Pero á hora de poñerse diante do público, agarrótanse e non son capaces de dicir unha palabra.

-¿Onde está a veranear a señora Palmírez?

-[Métese no personaxe e fala no seu castelán]. Por lo que me dijo, debe estar por las Islas Berberecho. Es muy del extranjero. Antes estuvo por aquí dando una vuelta con su yate por toda la cuesta del mar. Empezó en Camaritas, pasó por Rianjo, Sangenjo, Puerto Nuevo... Después atajó por el río Mío hasta Orense mismamente. Como hacía calor se tomó un lacón con grillos y unas joubas a la plancha. Y allí cogió un halicotero con su amado Luis Alfredo.

-¿Que pensa ela de Barcénas? ¿Ten os cartos en Suiza como el?

-Ela non se mete en política e non lle afecta a crise porque ten todos os cartos nas Illas Berberecho. De Suiza non quere saber nada e de Bárcenas, un parvo.

-¿De quen aprende máis María Campos, dos avós ou dos nenos?

-Quedo cos dous. Pero cando vexo uns vellos, séntome ao seu lado coma se estivese a esperar o autobús e póñome a falar con eles porque me encanta calquera cousa que me conten. Son tan ricos en experiencias, viviron tantas cousas e teñen tanto no seu interior...

- ¿Como anda a señora Manuela? Din que está moi cabreada co das pensións e cos banqueiros.

-[Volve a meterse no personaxe e fala con gheada]. Aghora a xente fai o que facíamos nos, meter os cartos debaixo do colchón ou nun bote de Nescafé. Porque agora os dos bancos son uns sinverghonzas. Eso é o que son. Roubar aos ricos, pódese roubar, pero aos pobres... A señora Manuela non chega a fin de mes ca súa pensión. Pero despois chegan as eleccións, métente o sobre na man, lévante de excursión, prometen, prometen e logo se te vin non me acordo.

-Leva moito tempo á procura do tesouro. ¿Xa atopou o que esconde Pontevedra?

-Eu busco o tesouro constantemente e cando deixe de buscalo, malo. A min encántame Pontevedra, as rúas sen coches, percorrelas, perderme e de súpeto levantar a cabeza e mirar un balcón que nunca viches e pasaches por alí mil veces. O tesouro está ben á vista; o que pasa é que sempre andamos a correr. E de noite, é a cidade ideal para as visitas teatralizadas que estamos facendo polo centro histórico.

-¿E o que menos lle gusta de Pontevedra?

-O cheiro. Xa sabes. Aínda que mellorou, ata que non quitemos ese cheiro a cidade non nos luce.

-¿Que é para vostede un PTV?

-Coas iniciais lévome moi mal e esas desconcértanme.

-¿Qué lle da risa a unha cómica?

-Dáme a risa cando os meus personaxes dan risa e a xente pásao ben. Se te metes ben no papel, ris moito, non só o público.

-«Non me fagas falar» é unha das súas frases teatreiras. ¿Tivo que calar moito na vida?

-Máis tiña que calar. Eu son tímida, pero penso moito e cando me lanzo digo todo tal cal. Así me vai... Non me fagas falar.

-¿Ten algún vicio confesable?

-Pasmar. Quedar mirando para a xente e inventar historias das persoas coas que me cruzo pola rúa e non coñezo de nada.

-¿É de praias?

-Encántame a praia. Pero téñolle alerxia ao sol e só podo ir a primeira hora ou a última do día. Eu son da xeración de Nivea. Untábanche ben, tirábaste na toalla, primeiro por un lado, despois volta polo outro e cando estabas queimada, máis Nivea.

mARÍA CAMPOS actriz e produtora de Migallas Teatro

cuatro sorbos de...

TIEMPO DE VERANO