O circuíto dos trebellos fantásticos no Salón do Libro

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Raquel Méndez ensina a técnica da colaxe para que os nenos creen os seus inventos<span lang= es-es >. </span>
Raquel Méndez ensina a técnica da colaxe para que os nenos creen os seus inventos. ramón leiro < / span>

Os rapaces deseñan os seus inventos nun obradoiro da editorial pontevedresa Oqo

12 mar 2013 . Actualizado a las 16:02 h.

Seis barbudos é un libro escrito por Mar Pavón e ilustrado por Vitali Konstantinov, publicado pola editorial pontevedresa Oqo. A obra amosa unha lección sobre como as apariencias poden resultar enganosas e de como estas crean prexuízos inxustos. Os protagonistas son seis barbudos que crean terror alá onde van só polo seu aspecto. E para desprazarse, utilizan uns delirantes e estrambóticos medios de transporte: desde a aerovasoira, ao ciclopedal, pasando pola tromponeta ou o monocíclope.

E precisamente nestas máquinas fantásticas está inspirado o obradoiro que esta semana imparte a citada editorial no Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Onte, os primeiros enxeñeiros (está pensado para nenos a partir de sete anos) botaron man dos planos e ferramentas para construír uns imaxinativos trebellos que, como sinala Eva Mejuto, voceira de Oqo, «servirán para desprazarnos de modo singular».

Explicou que a tipografía e a técnica da colaxe axuda aos pequenos a compoñer a estrutura destes artefactos. «Debuxarán pancas e deseñarán motores para conformar as súas creacións -engadiu-. E presentamos obxectos cotiás, coma o bolígrafo, o automóbil ou o termómetro para inspirar aos nenos e crear outras posibilidades mecánicas».

Raquel Méndez, a monitora, lles axuda elaborar o manual de instrucións de cada un dos inventos onde, como di Mejuto, non poden faltar «tecnicismos propios da profesión» en forma de verbas como «circuíto, transformadores, corrente, velocidade, forza ou potencia». O reto das Tromponetas e ferramentas comezou onte -trala visita ao Salón do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores- e prolongarase ata mañá na sala do Pazo (17.30 horas). Ademais, Seis barbudos inspira o espectáculo de teatro e música que o día 19 ofrecerán María Lado e Lucía Aldao cos alumnos do Seminario de Jazz.