Maquinando o Salón do Libro Infantil e Xuvenil

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Unha das salas, inspirada no filme «Tempos modernos».
Unha das salas, inspirada no filme «Tempos modernos».

O Pazo da Cultura ambienta as súas salas para acoller o evento a partir do vindeiro sábado

26 feb 2013 . Actualizado a las 12:15 h.

Hai máquinas e inventos que naceron antes, despois ou soamente nas páxinas dos libros. De todo o imaxinario colectivo sobre a invención mecánica vai este ano a temática do Salón do Libro Infantil e Xuvenil e, por suposto, a súa ambientación. Cada sala do Pazo da Cultura trasladaranos a partir do vindeiro sábado e durante vinte días a unha viaxe no tempo para coñecer o pasado, o presente e o futuro das máquinas.

«A idea xeral, -sinala Begoña Paz, do grupo Paspallás, encargado da maior parte da montaxe do Salón- é a da estética da máquina antiga, vella, e a partir de aí están as diferentes intervencións nos espazos do Pazo. Noutras edicións, na entrada, xa te metías no concepto xeral, pero nesta hai que meterse dentro para velo».

Cada nova cita -esta é a edición número catorce-, é un reto creativo para Paspallás. Por adiantado, Paz avanza que haberá dedicado un espazo a Leonardo da Vinci e os inventos que coñecemos a través dos seus debuxos e, na parte central, reivindicarase a polea «como esa primeira máquina sinxela da que colgarán libros, mesturando ambas cousas. Desta forma haberá un libro máquina convertido nun engrenaxe».

Algúns dos artiluxios serán interactivos, como un con poleas co que os nenos poderán crear os seus propios contos ao tirar delas, seleccionando personaxe, acción e lugar, «para despois escribir as súas propias historias, é como un xogo».

Os cuartos onde intervirán os contacontos inspíranse en películas. Antigas, como os Tempos modernos de Chaplin, con toda a súa estética da engrenaxe, ou O incrible home minguante, cunha enorme máquina de escribir. Ou máis modernas. Para facer un guiño aos nenos de agora Paspallás ambientou outra das salas cunha versión do filme Tron, adaptado aos novos tempos, con consola de xogos wii incluída.

O Salón incluso contará coa súa propia máquina dos desexos, na que se poderán meter os cativos para reflexionar sobre as súas peticións. «Estamos pensando en darlle mobilidade», engade Paz.

A evolución no tempo poderá verse nunha vitrina, que mostrará as primeiras e as últimas maquinas, como el iphone. «É un guiño pequeno, que se chama Evolution». Ver o Salón terminado será outra historia.