«Pido respecto, nin lle puxen os cornos a ninguén ni llos saco»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Como militante de Encontro Irmandiño, o exconcelleiro afirma que seguirá traballando polo nacionalismo

23 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O que foi candidato do BNG á alcaldía de Caldas no 2007 e no 2011 non quere facer un drama da súa saída da organización. Tino Carou (Rianxo, 1960), que militaba no Bloque dende hai 17 anos, ten claro que era o camiño que tiña que tomar como membro da corrente Encontro Irmandiño. Onte dixo que seguirá sendo nacionalista e que estará no novo proxecto político do que se fala «sempre que sexa nacionalista e de esquerdas».

-¿Como foi a decisión de deixar o BNG?

-Evidentemente non foi fácil. Sempre fun persoa do BNG e como tal me sinto, aínda que sigo traballando noutra liña. O BNG non vai ser o meu inimigo.

-¿Que pesou máis á hora da marcha, o pasado ou o futuro?

-A decisión a tomas un pouco pensando no futuro. A min nunca me trataron mal, non podo dicir outra cousa. Dicíao o outro día Xosé Manuel [Beiras], isto é unha ruptura, pero non por malos tratos. É unha ruptura por falta de entendemento. Hai unha cuestión de referentes, que non estamos tendo. Hai unha situación que é innegable, estamos perdendo votantes. Se xogaba unha reconversión, ou unha rexeneración. Non se acadou, houbo un acordo dentro de Encontro [Irmandiño] e eu tamén estaba a favor. E non pasa nada.

-¿Dende cando milita en Encontro Irmandiño?

-Dende que se creou. Foi na anterior asamblea, que foi por delegados. No BNG levo desde sempre, na provincia de Pontevedra desde o 95, pero eu veño da emigración, e como tal xa militaba no BNG.

-¿O BNG queda moi tocado en Caldas coa súa marcha e a doutros militantes?

-Ao fin e ao cabo non deixamos de ser dúas forzas nacionalistas traballando no mesmo sentido. Aínda que nós esteamos dentro de Encontro eu teño grandes amigos e en todos os sitios. O tempo que estiven militando no BNG me deixa grandes amigos detrás e seguirei loitando con eles. Na mesma loita que van seguir eles e eu vou estar aí igual. Non vou crearme un inimigo en Caldas nin en ningún outro lado. E iso foi do que falamos o outro día na asamblea. Aquí hai unha escisión, pero imos seguir sendo os mesmos. Eu de feito tomo café cos compañeiros cando me encontro con eles e nas mesmas condicións nas que os tomaba antes. E falamos de política ao mesmo nivel que o faciamos antes. Igual a partir de agora imos a quedar con algún secretiño, pero estou convencido de que o café se pode tomar igual. O día que encontre cun compañeiro de Pontevedra vouno saudar igual e penso que ninguén me vai virar a cara.

-A responsable comarcal do BNG, Anxos Riveiro, tivo palabras de respecto para a súa decisión e a de Tati Abalo, destacando o traballo feito. ¿É de agradecer?

-Entendo máis positivo que a xente que se aparta da primeira liña, da segunda ou da terceira e se dá de baixa e se vai para casa, aquela que se dá de baixa pero vai seguir traballando polo nacionalismo. Sigues traballando polo país igual, que máis dá onde o fagas. Agora se xogou a esta parte e non quere dicir que isto sexa, como se di por aí, un trunfo ou un fracaso, e se é un trunfo vivirás na gloria e se fracasas volverás ao BNG outra vez. Beiras dicía o outro día que no caso de que houbera unhas eleccións e non haxa candidatura de Encontro el seguiría votando ao BNG. Pois non me vou quedar na casa e vou votar ao BNG. Anxos foi unha gran compañeira, traballei con ela moitos anos e deixo no consello comarcal uns grandes amigos. Nin lle puxen os cornos a ninguén nin llos saco. Eu respecto á xente da UPG e pido o mesmo respecto.

-¿Que significa para vostede a figura de Beiras?

-Califícoo como un monstro político. É unha persoa que te dá enerxía. Sempre me considerei beirista, pero non como seguidor de Beiras, senón da súa estratexia e da súa liña política en xeral. É unha persoa que escoito e me di algo sempre. Sempre me inxecta algo de enerxía e penso que é o que necesita a xente.

-Foi quizais o simbólico da escisión no BNG, que lidere a saída un home da súa idade que aclamaron os mozos...

-A pesar de que xa é maior. Eu tamén son maior. Cando un chega aos 18 anos, a partir de aí xa é maior sempre. Levo moito tempo dicindo que estamos quedando sen referentes. Hai xente que vota por ideas e por algo.

-Caldas non é allea a esa perda de apoios da sociedade cara o BNG, ¿non?

-Dende logo. Por iso renuncei á acta tras as municipais. Algo que non entenderon algúns compañeiros. A culpa pode ser de todos, pero eu como cabeza de lista fixen o que considero que había que facer, o que debería facer todo o mundo cando perde unhas eleccións.

-¿Que lle desexa ao BNG de Caldas?

-O mesmo que lle desexaba antes, que lle vaia moi ben. A loita haina que facer igual.

-¿Estará nese novo proxecto político do que se fala na comunidade?

-Si. Eu vou estar sempre que sexa nacionalista e de esquerdas. Se logo se mete gaseosa, non. Eu estarei na esquerda.

tino carou rodríguez exvoceiro do bng de caldas

«Levo moito tempo dicindo

que estamos quedando sen referentes»

«Beiras é un monstro político, unha persoa que escoito e me di algo sempre»