«Defínome como independente discrepante dentro do BNG»

Marcos Gago Otero
marcos gago BUEU / LA VOZ

PONTEVEDRA

O rexedor cre que o nacionalismo galego debera seguir unido

19 feb 2012 . Actualizado a las 07:04 h.

Con doce escanos nunha corporación de 17, Juncal mantén a única alcaldía nacionalista no Morrazo. A diferenza do que ocorre a nivel galego, o seu grupo municipal ofrece unha imaxe de unidade.

-¿Como ve o momento que atravesa o nacionalismo galego?

-É un momento convulso, indubidablemente. En canto se supere esta etapa haberá un novo escenario onde aparecerán novas forzas políticas, pero estou convencido de que o gran referente vai ser o BNG.

-¿Que lle aporta o Bloque á sociedade galega?

-É unha organización política que pretende representar as maiorías sociais. Esa é a nosa vocación. Tamén é unha organización plural, diversa e discrepante, aí me inclúo eu, que sempre me definín como discrepante pero dentro do BNG. Creo que é unha actitude que todos temos que manter na vida e na militancia política, pero no total e absoluto respecto ao funcionamento da organización política. Creo que esta discrepancia se enmarca no meu deber como militante á hora de aportar ideas, reflexións e propostas, para apoiar e axudar ao traballo político que temos encomendado. Esta é a miña visión particular da discrepancia.

-¿Pensou en deixar o Bloque?

-Se Félix Juncal non compartise este proxecto político, Félix Juncal tamén modestamente se daría de baixa na política activa, pero este non é o caso.

-Vostede asinou un manifesto de alcaldes críticos. ¿O mantén?

-Os alcaldes temos un deber de trasladar os sentimentos, as opinións e as intencións da sociedade ao interior da organización do BNG, pero sempre con ese carácter de utilidade e construtivismo.

-¿Serviu para algo o manifesto?

-Sempre nos escoitamos todos e a min me gustaría que o BNG aposte, e creo que así será, por unha maior participación dos referentes municipais. Ten que haber moitas voces interpretando o seu papel e deben todas confluír na mesma finalidade, como así era o desexo do grupo de alcaldes.

-¿Que lle parece a marcha de Encontro Irmandiño?

-O único que quero expresar é o máximo respecto polas decisións que tomaron e a min me gustaría que sigan existindo pontes suficientes, e por outro lado necesarias, para que poidamos compartir o traballo diario. Non debemos ser rivais, nin competidores e si manter unha alianza estratéxica que permita entre todos transformar Galicia, un obxectivo para o que o BNG está absolutamente capacitado.

-¿Con que corrente simpatiza?

-Eu me definín sempre, e ultimamente máis, como unha persoa independente dentro do BNG. Desde esa independencia e lealdade co proxecto político no que participo son autocrítico e autoesixente e me gusta ser tamén discrepante sempre enmarcado nesa expresión.

-Aínda así, ¿UPG ou Máis Galiza?

-Cando un se considera independente é que ten un criterio propio da vida interna da formación política. Eu respecto a todas as correntes que integran o nacionalismo galego e confío que sigan no BNG. Os intereses das partes nunca deben estar por riba do interese común e temos que ter unha actitude de xenerosidade, valores que non son só para teorizar, senón tamén para aplicar. É a mellor forma de que a cidadanía recoñeza a nosa aportación á sociedade.

-Valore a Beiras, Aymerich e Guillerme Vázquez.

-Esa é unha reflexión que lle corresponde ao conxunto da sociedade. Os que estamos dalgunha maneira no meollo podemos estar condicionados e dar unha opinión que non sexa o imparcial que debera. Eu son compañeiro dos tres, ata agora do BNG, e non me corresponde a min valoralos.

félix juncal alcalde de bueu (Bng)