La gallega Jéssica Bouzas gana a Paula Badosa y avanza en el Másters de Madrid

«Atacar a unha parte do Bloque é atacar ao BNG ao completo»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A concelleira encabezou a única lista ao consello comarcal do Bloque

17 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Non parecen os mellores tempos para apostar por un BNG unido. Con todo, Anxos Riveiro (Pontevedra, 1969) faino e optaba onte a renovar o seu cargo de responsable comarcal do Bloque «con moitas gañas» de seguir a coordinar as agrupacións de trece concellos que suman algo máis de seiscentos militantes.

-Volve presentarse vostede ao cargo de responsable comarcal. Coa que está a caer tanto fóra coma dentro do Bloque.

-A verdade é que teño moitas gañas. O BNG está por riba de calquera cousa e as decisións que se adoptan sempre son asumidas. Os resultados están aí. Aquí foi incrementándose a militancia de xeito sostido, e temos gañas de seguir traballando polo país.

-¿Tense producido baixas na militancia do BNG na comarca trala escisión do Encontro Irmandiño?

-No que é a nosa comarca non houbo ningún movemento. Pero non nesta semana, senón dende a asemblea nacional de xaneiro. Aquí o que temos é un ambiente de traballo incrible cós militantes da comarca, e dende logo iso vaise vendo nos resultados dos diferentes procesos electorais. A comarca de Pontevedra se mantivo sempre moi ben pese á situación xeral do BNG. Pontevedra sempre respondeu ben, e iso é froito do traballo dos militantes.

-¿Non hai tiranteces polas diferentes correntes?

-Nesta comarca nunca houbo conflitos importantes, por non dicir que nunca houbo conflitos que poidamos relacionar con diferentes correntes de opinión dentro do BNG, que existen e é bo que así sexa. Pero aquí realmente nunca se funcionou con cotas de correntes. O traballo sempre foi unitario, as asembleas son as que deciden o camiño a seguir. Dende que eu entrei no Bloque, no ano 95, sempre foi así. Traballei no local durante moitos anos e sei ben como funciona a militancia, coma un bloque. Nunca mellor dito. De feito, que haxa unha candidatura única ao consello comarcal é consecuencia disto.

-¿E que pasaría se Máis Galiza secunda no vindeiro mes de marzo o paso dado polo Encontro Irmandiño e acaba abandonando o Bloque?

-Pois non te sabería dicir. En Pontevedra non hai ningún referente. Nin da UPG nin de Máis Galiza. Non sei que farán os compañeiros de Máis Galiza, pero se na súa asemblea deciden tomar o camiño dos Irmandiños, non creo que iso vaia ter unha gran repercusión na militancia.

-Existe unha certa demonización da UPG. ¿Por que?

-Pois iso me gustaría saber a min. A UPG foi unha das organizacións que fundou o BNG, xunto con xente independente e outras organizacións, nun momento difícil porque eran épocas de transición e había que adoptar medidas que se visualizaran claramente. E creo que dende aquela vén o mito. A UPG é unha parte máis do Bloque e neste momento non ten a maioría na organización. As decisións adóptanse colectivamente. Creo que é algo interesado por parte dos grupos de poder, non sei como dicilo mellor, porque dende logo atacar a unha parte do BNG é atacar ao BNG ao completo. Está claro que non somos agradables ao sistema porque nos posicionamos claramente en contra del, e atacando a unha parte no fondo estás atacando todo.

Anxos riveiro portela responsable comarcal do BNG