«Implantar unha titulación en Lalín podería supoñer 60.000 euros anuais»


lalín / la voz

A vida de Luis Fernández Ríos xira en torno á ensinanza. Este lalinense do Castelo aprendeu as primeiras letras na escola unitaria de Cadrón, hoxe convertida en local social, «cunha mestra moi boa de Muimenta, Cándida, das que xa non quedan». Como moitos outros rapaces do seu tempo, fixo no seminario de Lugo o bacharelato, e logo do Preuniversitario no instituto lucense, comezou a estudar na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago. Ao remate da carreira, «forzáronme a ir á mili, se non eu non tería ido. Pero sen facela non podía marchar ao estranxeiro a estudar, porque non me daban permiso. Eu pasei pola mili, pero a mili non deixou pegada en min».

Viñeron logo os cursos de doutorado, a lectura da tese e unha beca que o levou a formarse a Israel, para comezar á volta a dar clase en Psicoloxía e adicarse á investigación. Paralelamente, dende hai máis de 25 anos ten plaza na Uned na Coruña, e dende a posta en marcha da aula da Uned en Lalín é o seu coordinador. Lembra que fóra unha iniciativa do alcalde, José Crespo, que pretendía contar con estudos universitarios na capital de Deza. O Concello cumpliu todos os trámites baixo a coordinación de Crespo, Román Rodríguez e Gómez Estévez: tiveron o beneplácito do rectorado de Madrid e do patronato da Uned de Pontevedra. Suliña que «traballar con Crespo é cousa fácil, porque deixa facer, non di o que tes que facer, o cal compromete máis a un e o fai ser máis responsable. No tema da Uned, a única suxerencia que fixo foi gastaramos os cartos estrictamente necesarios, polo que lle estou moi agradecido».

A aula da Uned de Lalín, que depende do centro de Pontevedra, conta este curso con 7 profesores e 35 alumnos, 17 menos que o ano pasado. Dende o ano 2007, imparte o curso de acceso á universidade para maiores de 25 anos: as asignaturas obrigatorias e múltiples optativas, así como actividades formativas abertas, de xornadas a cursiños. Falta, sen embargo, a implantación dalgunha carreira universitaria: «Estamos á espera do que nos digan dende a dirección de Pontevedra e o alcalde para saber se vai adiante. O problema é económico, nunca houbo outro atranco, porque poñer unha titulación nova sae caro. Porque non é poñer un curso, son catro cursos, e cos aspectos teóricos das asignaturas e as prácticas».

¿Hai cifras de custes? O coordinador da aula lalinense sinala que cada curso pode supoñer uns 15.000 euros anuais, o que faría 60.000 euros para unha titulación. Un custe que non poden asumir nin o Concello ?que soporta xa os gastos actuais da aula? nin Deputación ou Xunta, polo que se buscou financiación privada nas caixas: se non se acadou hai uns anos, agora é practicamente impensable: «Falárase de poñer ADE, Dereito ou Traballo Social. Pero o problema xa non é poñelo, é sostelo. O Concello quere, pero sae caro. E na miña opinión, é mellor non implantar algo que logo non se sabe se se poderá manter».

As aulas AVIP, que permiten a formación por videoconferencia, tampouco son unha solución: «Eso está ben, pero non para todas as asignaturas. Sobre todo nos primeiros cursos o contacto directo do alumno co profesor é necesario. O titor ten que estar presente para motivalos, para poñerlles o programa no tempo; en terceiro ou cuarto, xa é distinto», sinala Ríos.

Luis Fernández Ríos

57 anos

Profesor titular de Psicoloxía na USC e coordinador da aula da Uned de Lalín

As aulas da Uned de Lalín, onde continúa unha labor docente que comezou hai máis de 35 anos; ou calquera espazo do Castelo, o seu lugar de nacemento na parroquia lalinense de Cadrón.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

«Implantar unha titulación en Lalín podería supoñer 60.000 euros anuais»