Entre a celebración e a reivindicación

chelo lago

PONTEVEDRA

18 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

1A xornada das Letras Galegas transcorreu en Pontevedra entre a celebración e a reivindicación da nosa lingua. A plataforma Queremos Galego celebrou, no paseo de Antonio Odriozola, unha lectura de textos de Lois Pereiro e de Castelao, reivindicando o uso do galego en todos os ámbitos. Kiko Da Silva foi o presentador do acto, e o encargado de ler o manifesto no que se critica duramente a política lingüística da Xunta. Moitos concelleiros participaron na lectura, empezando polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, Lola Dopico, Demetrio Gómez e Anxos Riveiro, xunto a Ernesto Filgueira, Francisco Calo, Conchi Cochón ou Sabela Bará e Brais Gómez, fillos, respectivamente, de Luis Bará e de Demetrio Gómez. O gaiteiro Miguel Fraguas interpretou o Himno Galego, cantado polos presentes, que corearon lemas como «Na Galiza, en galego».

Xadrez

2Tamén foron moitos os rapaces que se achegaron ao Festival de Xadrez Letras Galegas, organizado polo club Xadrez Pontevedra e a Asociación de Veciños Santa María. Máis de cincuenta taboleiros e un xogo xigante instaláronse na avenida de Santa María e os rapaces se levaron medallas e libros en galego.

Homenaxe

3A xornada rematou coa homenaxe popular que a Asociación Socio Cultural O Burgo lle rende, dende hai 12 anos, aos protagonistas do Día das Letras Galegas, neste caso, a Lois Pereiro. Na praza de Curros Enríquez e ante unha alfombra floral coa cara do poeta de Monforte, soaron os seus propios textos e tamén os de Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Pilar Pallares, Fernán Vello, Manuel Rivas ou Xulio Valcárcel, na voz de varios membros da Asociación de O Burgo, incluído o seu presidente, Manuel Lavía Pabola, que deu a benvida aos asistentes ao acto. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores sinalou a praza de Curros Enríquez como «símbolo do amor ao noso idioma» e «símbolo da nosa resistencia». O Coro do Burgo e a Coral de Sobradelo, Vilagarcía, interpretaron cinco cancións populares e remataron cantando o Himno Galego, co acompañamento da Banda de Música de Pontevedra, logo da intervención da concelleira de Cultura, Lola Dopico.