A Real Academia Galega salienta a figura de Pintos

E.L. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O Teatro Principal acolle hoxe unha homenaxe a un dos precursores do Rexurdimento da lingua

22 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O plenario da Real Academia Galega celebra hoxe no Teatro Principal unha sesión extraordinaria, aberta ao público, enmarcada nas actividades de homenaxe a Xoán Manuel Pintos promovidas polo Concello de Pontevedra con motivo do bicentenario do nacemento deste escritor.

No acto intervirán Xosé Luís Axeitos, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xesús Alonso Montero, que glosarán a figura dun dos precursores do Rexurdimento. Previamente, o alcalde , Miguel Anxo Fernández Lores, manterá un encontro co presidente da RAG, Xosé Luis Mendez Ferrín, e demáis académicos, unha recepción que servirá de estreo da nova sede da alcaldía no edificio de Michelena.

A corporación municipal de Pontevedra declarou o 2011 Ano Xoan Manuel Pintos, «co compromiso de afondar no coñecemento da obra e do pensamento deste autor e tamén de seguir traballando, como el, para acadar a completa normalización da lingua propia de Galicia».

Pintos nació no barrio pontevedrés de O Burgo en 1811 e e faleceu en Vigo en 1876. Foi autor do primeiro libro da literatura galega moderna, A gaita galega, no que desenvolveu unha defensa do galego e da súa dignificación, a través dunha especie de manual, escrito tanto en prosa como en verso, para entender os usos da lingua.

Ademais, escribiu unha variedad de textos espallados polos xornais cos que colaboraba, como El País e la Perseverancia, ambos os dous editados na súa cidade natal. O coñecido escritor tamén compuxo numerosos poemas nos que se pode ler o seu amor por Pontevedra, e tivo un papel destacado en diversos eidos da súa actividade profesional como profesor do instituto, avogado, xuíz ou rexistrador.

Proceso non rematado

Os responsables municipales pensan que este proceso de normalización da lingua galega no que Pintos traballou non está aínda rematado e «compre coñecer mellor aos nosos autores e autoras; gañar ámbitos nos que aínda non é utilizada e poñela en pé de igualdade con calquera outra».

A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas en 1975 e agora sumase a este homenaxe promovido dende o Concello de Pontevedra.

A declaración institucional do Concello recolle que para Xoán Manuel Pintos, «estaba claro que o idioma galega non ocupaba o lugar que lle correspondía e puxo todo o seu empeño en quitalo de ese estatus secundarizado». E destaca que foi este pontevedrés un dos primeiros en elaborar unha reflexión explicita a respeto da situación do galego, das causas polas que estaba relegado e da necesidade de lle restituir aos seus falantes todos os dereitos que lles corresponden.