A Academia Galega súmase ao Ano Pintos cunha sesión na cidade

pontevedra / la voz

PONTEVEDRA

20 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Real Academia Galega súmase ao Ano Pintos cunha sesión plenaria extraordinaria, de carácter público, que se celebrará no Teatro Principal o vindeiro sábado. É unha maneira de homenaxear ao escritor Xoán Manuel Pintos, do que este ano conmemórase o bicentenario do seu nacemento.

O concelleiro Demetrio Gómez subliñou a colaboración absoluta da Academia dende o primeiro momento, «que se amosou moi interesada en participar e en poñer en relevo a figura do escritor».

Os actos iniciaranse no novo despacho do alcalde no edificio de Michelena 30, coa recepción do presidente da Academia, Xosé Luis Méndez Ferrín e demais académicos. Será a estrea da nova sede da alcaldía e quedará recollido nun documento asinado polos dous protagonistas.

O concelleiro fixo un chamamento aós cidadáns para que asistan a un acto «en defensa da nosa lingua e a nosa cultura, e para celebrar a figura de Pintos».

Asistencia pública

Logo, ás 12 horas, comezará a sesión de honras, aberta, coa intervención do propio Méndez Ferrín, que fará a presentación, e dos académicos Xosé Luís Axeitos, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xesús Alonso Montero, que fararán da vida e obra do escritor pontevedrés, autor de A gaita galega, que o Concello quere reeditar. Logo, sobre ás 13.30 horas, servirase un viño galego no Pazo de Mugartegui.