O concelleiro xa trasladou aos veciños os cambios de tráfico previstos no barrio da Parda

S.B. PONTEVEDRA/LA VOZ.

PONTEVEDRA

12 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O inminente remate das obras de reforma urbana suporá una total transformación do barrio da Parda. As humanizacións das rúas Estrada, Pintor Laxeiro, Joaquín Costa, Salgueiriños, Rodríguez Seoane, a apertura dunha gran bolsa de terreo entre Estrada e Pintor Laxeiro con novos viarios, e o próximo acceso aos xulgados a través dunha ponte entre 12 de novembro e Pintor Laxeiro e Conde Bugallal, son as actuacións en marcha ou previstas.

Buscar fluidez

Mentres todas estas obras se suceden e van rematando, a concellaría de Obras e a Policía Local traballan na futura reordenación do tráfico de todo este ámbito. O estudo fíxose para buscar unha circulación máis fluída, tratando de evitar sobrecargas en puntos estratéxicos como o acceso aos xulgados ou outros puntos de gran afluencia, e dando o mellor servizo posible aos residentes.

A Policía Local e o concelleiro de Obras xa presentaron este estudo aos veciños da zona, a través da Asociación Manuel Quiroga, que aceptaron os novos cambios. De todos os xeitos, como a todas as modificacións do tráfico rodado na cidade, haberá que darlles un tempo de proba para ver como resultan, e despois acometer as reformas oportunas, si fose necesario.

Novas direccións

Aínda que as vías principais manteñen, basicamente, as súas direccións orixinarias, nalgúns puntos están previstas modificacións, porque a incorporación de novos viarios permite mellorar o tráfico. Así, a rúa Estrada mantén a súa dirección e o primeiro tramo de Pintor Laxeiro cambia o sentido que será en dirección Joaquín Costa e 12 de novembro. Ademais, Rodríguez Seoane será de entrada dende Loureiro Crespo. As rúas Losada Diéguez e Rafael Dieste completan a súa urbanización, xa que eran rúas sen saída, e agora coa urbanización da U-13 completan a rúa e dan saída cara Pintor Laxeiro, que no seu segundo tramo é de dobre dirección.

A Policía Local tamén reconsiderou algunhas direccións nos ámbitos das rúas Porta Grande e Alcalde García Filgueira, permeabilizando toda esa zona, ata o de agora moi infrautilizada.