Unha mostra para celebrar a revolución da música galega

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Os paneis estarán expostos na praza de Ourense durante o mes de maio
Os paneis estarán expostos na praza de Ourense durante o mes de maio S.B.

Pontevedra acolle a exposición «Cantámola en galego»

04 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Un paseo pola nosa música durante os últimos 20 anos e un achegamento ás bandas, ás solistas e a todas e todos aqueles que están facendo música en galego en diferentes estilos por todo o país». Así definiu o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberte Oubiña, a nova mostra instalada na praza de Ourense, titulada «Cantámola en galego» e que foi inaugurada onte polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Ao longo deste mes de maio, os pontevedreses poderán achegarse á ampla variedade de estilos e formatos do panorama musical actual en lingua galega a través de 14 paneis que fan un percorrido polas últimas dúas décadas.

Alberte Oubiña subliñou que esta exposición recolle toda unha eclosión musical nada da revolución que no seu día supuxo o «bravú» e que «deixou semente e mudou as maneiras de compoñer». Neste senso, nos paneis aparecen referencias a eventos culturais da cidade capitalina tan senlleiros como Cantos na Maré, o Culturgal ou o Salón do Libro, ademais de festivais como o Surfing the Lérez, Cabos Sotos ou o Galegote, que en palabras da xornalista Teresa Cuíñas, «forman parte do ADN do país e son inseparables da mocidade».