A Mesa pola Normalización Lingüística demanda que Louzán «regrese á súa obriga de promoción do galego»

Eva Garea

PONTEVEDRA

16 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O peche da sede da Deputación Provincial ante as protestas da plantilla de Trèves impediron a entrada do presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, á institución provincial, onde tiña concertada unha entrevista co presidente da administración pontevedresa, Rafael Louzán.

Ás portas do organismo público, Callón lamentou a «falta de corrección institucional» e criticou a «actitude medieval» de pechar as dependencias dunha administración pública polo feito de que se concentren traballadoras que «lexítima, pacífica e constitucionalmente están a defender os seus postos de traballo». Así mesmo, quixo amosar a súa «solidariedade coas reivindicacións da plantilla de Trèves», negándose a entrar por unha das portas traseiras da Deputación, posto que o considerou «unha postura institucionalmente incorrecta».

Carlos Callón denunciou as «medidas contra o galego» adoptadas desde a Deputación de Pontevedra, entre as cales citou a decisión de deixar de comprar libros en galego e o financiamento dos xornadas realizadas este fin de semana, «as primeiras na historia da democracia en todo o Estado nas que unha administración paga, co diñeiro de todas e todos, os ataques contra a diversidade e a convivencia lingüística», indicou o presidente de A Mesa. O presidente da maior asociación cultural de Galicia, que conta con máis de 3.500 socios, reclamou que a Deputación dea a coñer cales foron as «contías malgastadas nesta actividade».

Ademais, Carlos Callón, afirmou que «aínda que os dirixentes actuais do Partido Popular se queren presentar como modernos e urbanitas, pero a verdade é que hai que ser moi reaccionario para levar a cabo políticas como estas» e preguntouse «se os gobernantes da Deputación pensan que os libros escritos en galego teñen algo tóxico e por iso decidiron que non se compren máis desde esta administración». Fronte a estas políticas, Callón defendeu «unha política verdadeiramente encamiñada á convivencia, á igualdade e á liberdade lingüística» e reclamou que esta institución «regrese ao cumprimento das súas obrigas de promoción do idioma propio e discriminado, que é a lingua galega».