As confrarías critican os impagos da consellería do Mar relativos á vixilancia


O deputado nacionalista Bieito Lobeira, acompañado polo patrón maior da Confraría de Pontevedra, Miguel Pazos, expuxo onte a proposición non de lei do BNG relativa á adopción de medidas para a recuperación e impulso da actividade pesqueira e marisqueira na ría de Pontevedra e o incremento do emprego neste sector pesqueiro.

Lobeira manifestou que a ría conta «cunhas características únicas para o desenvolvemento da actividade pesqueira e unha gran capacidade produtiva». Por iso, demandan unha mellora na calidade das augas da ría, a cal se conseguiría coa «retirada do complexo Ence-Elnosa e o saneamento integral da ría e da estación depuradora das augas residuais».

Zonas improdutivas

En canto ao incremento da capacidade de produción marisqueira, o BNG propón, entre outras medidas, «a recuperación das zonas improdutivas -A Puntada, O Polvorín, Combarro e Praceres- coas correspondentes accións de rexeneración do substrato e aportación de semente, a dragaxe do río Lérez ou o pagamento urxente das cantidades adebedadas, en materia de vixilancia dos bancos marisqueiros». Neste sentido, o patrón maior da confraría de Pontevedra indicou que «existen retrasos no pago da vixilancia; a nosa cofraría leva a día de hoxe pagado nove meses de salarios dos vixiantes e practicamente non se cobrou nada da consellería de Pesca».

Miguel Pazos anunciou así que se a consellería non aposta de maneira firme polas confrarías, desvincularanse da vixilancia levada a cabo, trasladándolla ao departamento de Pesca.

O parlamentario Bieito Lobeira denunciou tamén a política de gastos da consellería do Mar. «Está realizando modificacións de crédito dos propios orzamentos, desviando cartos, teoricamente vinculados ao fomento da actividade produtiva, á subvención do despece de embarcións pesqueiras seguindo directrices serviles da Unión Europeo». Deste xeito, Lobeira criticou que «en lugar de destinarse cartos a favorecer o emprego e defender novas alternativas para o incremento da produtividade, a consellería se centre no despece da flota pesqueira».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

As confrarías critican os impagos da consellería do Mar relativos á vixilancia