Entregados os Premios da Cultura e de Investigación

LA VOZ

PONTEVEDRA

27 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O presidente da Asociación Dúos Pontes de Pontevedra, José Cortizo, recolleu con orgullo o premio á Cultura 2008 da Deputación, nun acto celebrado onte no pazo provincial, que contou coa presenza do seu titular, Rafael Louzán e dos vicepresidentes Teresa Pedrosa e José Juan Durán.

Xunto a Dúos Pontes, premiada pola súa traxectoria cultural, recibiron eses galardóns, dotados con 6.000 euros cada un, a Mancomunidade do Salnés, pola protección e recuperación de muíños situados entre Meis, Meaño e Ribadumia; o Museo Etnográfico Casa do Patrón de Lalín, na modalidade de proxecto cultural máis innovador pola recuperación da cultura e a etnografía galega e a promoción do turismo rural, e a Coral Casablanca de Vigo, que recibiu o premio instituído en recordo de César Dios, Diosiño.

No acto, no que intervino o grupo de cámara Lira, tamén se entregaron os premios becas do certame Novos Valores para creadores mozos, e os premios á investigación. Juan Francisco Varela Martínez na modalidade de escultura, Tamara Feijoo Cid en debuxo, José María Fernández Cárcamo en pintura, Sonia Tourón Estévez en fotografía e Eduardo Manuel Outeiro Ferreño en pintura, que obtivo o premio Fernández López, foron os distinguidos.E no que respecta aos premios de investigación, entregáronse a Rita González Villanueva, Xosé Manuel Sánchez e Ana María González Fernández.

Rafael Louzán subliñou no seu discurso, que os galardóns teñen a vontade de distinguir a persoas da provincia que «crean, organizan e transmiten cultura e creatividade» porque non só posibilitan a conservación dun patrimonio de gran importancia «senón que impulsan un xeito de entender a cultura e a investigación como un elemento de participación e decisión sumamente enriquecedor para os cidadáns».