José Luis Borau abre un curso sobre cine e pintura

Ch. L.

PONTEVEDRA

15 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O cine e a pintura e o primeiro ciclo de conferencias programado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra para o outono. O seminario comeza hoxe na Casa das Campás e para inauguralo contará coa presenza do prestixiosoo realizador zaragozano, José Luis Borau.

O ciclo, que se prolongará ata o vindeiro sábado, día 18, está dirixido pola profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, Carmen Becerra, e estruturase en dúas partes, Os pintores no cine e A pintura no cine. Na primeira, afondarase nos autores que deron nome a recoñecidas películas ou que as súas vidas se converteron no argumento de outras, casos como o do holandés Van Gogh ou a mexicana Frida Kahlo, entre outros.

Na segunda parte estudarase a utilización de recursos e estratexias pictóricas como a iluminación na gran pantalla, tema que xa adiantará o prestixioso director maño na súa conferencia inaugural, que titula de Relacións entre cine e pintura.

Borau obtivo o seu maior éxito comercial no ano 1975 coa película Furtivos, un drama protagonizado polos actores Ovidi Montllor, Lola Gaos e Alicia Sánchez. A pelícual está considerada hoxendía como un dos mellores exemplos do derradeiro cine franquista. O realizador ten numerosos premios, entre eles o Nacional de Cinematografía, ademais do Goya á mellor dirección polo filme Leo. No mes de febreiro deste ano 2008 foi nomeado académico da Real Academia Española, cubrindo a baixa do actor Fernando Fernán Gómez.

Outros relatores

Ademáis do devandito director, que intervirá hoxe, ás 16.30 horas, na Casa das Campás, no curso estarán tamén outros expertos, como Áurea Ortiz, da Universidade de Valencia; José Luis Sánchez Noriega, da Complutense de Madrid ou Claude Murcia, da Universidade París VII, entre outros.

Para a directora deste seminario, Carmen Becerra, esta iniciativa pretende ser «unha fórmula de achegamento a un campo moi novo que demostra que as artes non teñen fronteiras lingüísticas, nin de patria nin de ningún otro tipo».

O seminario que comeza hoxe pretende ser o primeiro de moitos outros cursos que seguirán a relacionar a gran pantalla con varias disciplinas artísticas como a escultura, a danza, o teatro ou a música, entre outras.

«Se todo vai ben, a nosa idea é dar continuidade ao longo do outono e da vindeira primavera a esta iniciativa e non deixala nun feito aillado». E engadíu que se trata de temas moi interesantes para as titulacións que se imparten no campus de Pontevedra, como as de Belas Artes, Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas ou Ciencias da Educación.