A Moureira dos anos corenta recupera a súa importancia

PONTEVEDRA

23 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A zona da Moureira, o foco da prostitución pontevedresa na década dos anos trinta e corenta, conta xa co recoñecemento que merece. Sabino Torres, o polifacético e prolífico escritor pontevedrés, rodeouse onte de amigos e compañeiros de viaxe como Pepe Fortes, Víctor Freixanes e Lola Dopica para facer a presentación oficial da súa última creación literaria.

Baixo o título As tres columnas, Crónica sentimental da Moureira das putas, o escritor «recupera o testemuño das persoas que viviron esa intrahistoria», segundo sinalou Víctor Freixanes.

Sabino Torres salda así a débeda informativa que mantiña esta parte importante da historia da cidade dende os primeiros anos trinta ata mediados de século. A maneira de narrar, de contar e de enfatizar o que ocorría naquel pequeno reducto da vila é o que fai importante a esta obra.

Pontevedra non era a Vetusta que se conta na Regenta pero si que respondía á imaxe de vila archiconservadora onde un barrio como aquel era ansiado e odiado polos distintos sectores da sociedade.

Torres recoñece que sempre lle gustou «meter as narices» onde non o chamaban e froito diso hoxe podemos ler unha crónica paralela do que non contaban os xornais do momento. A laboura documental e a perspectiva histórica que aporta o responsable do libro fan que esta radiografía da época aporte a luz que estivo fundida durante décadas.

A Mimitos de Avignon

Salvando todas as distancias lóxicas, aquel barrio deprimido e oscuro de Pontevedra ten lazos de unión co París do Mouline Rouge. As señoritas de Avignon non vivían nos bares lerezanos pero si que o facían as súas colegas de profesión. A Mimitos, un dos mitos eróticos daqueles tempos, recibía consellos literarios dun xoven Sabino Torres, que intentaba levala polo camiño da intelectualidade.

O champán roubáballe protagonismo ás cuncas de caldo e ao viño do momento na Moureira. Os cartos, procedentes das feiras e das explotacións do wolframio, servían para mercar gabardinas, «un dos sinais inequívocos da prosperidade», como relata o propio autor da obra. Ademais, os que viviron en primeira persoa o ambiente daquel recuncho, onde os xoves caían namorados das prostitutas e onde no Nadal eran elas as que se emborrachaban a mans dos clientes, contan que a lúa tiña unha luz especial a pesar de que a policía da época reprimía o día a día desta forza viva da cidade.

As tres columnas é unha profunda análise retrospectiva daquela Pontevedra hipócrita que saía de procesión día si e día tamén pero que cando podía buscaba unha excusa para visitar as modestas pero vitais instalacións da Moureira.