«Eu considérome escribidor, non escritor»

Chelo Lago

PONTEVEDRA

El Taller del poeta edita o libro que será presentado tamén no Centro Galego de Bos Aires

07 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Eduardo Díaz Fidalgo acaba de presentar a súa última novela, O señor da Meda. Nado en Pereiro de Aguiar, (Ourense, 1928), leva máis de corenta anos afincado en Pontevedra, onde exerceu como mestre na escola Anexa, da que foi director ata a súa xubilación. Ten publicados varios libros, tanto en galego como en castelán

-¿Cal é o argumento da obra?

-Está ambientado nunha aldea de Galicia onde os veciños non tiñan nada e pasaban moitas calamidades e miserias. Eran tempos de estraperlo e de fame, porque tiñan poucas leiras para sementar e non lles chegaba a colleita.

-¿Quen é o señor da Meda?

-Era unha persoa moi rica e moi mala da citada aldea. Os veciños tiñan que traballar para el a cambio duns xornais de miseria e se logo necesitaban empréstitos, cobráballos a prezos moi altos.

-Pero as cousas mudaron logo ¿non?

-A miseria que vivían fixo que os veciños emigraran porque non tiña máis remedio para sobrevivir. E uns foron levando a outros coma unha cadea humana. Logo, ao cabo do tempo, foron volvendo, trouxeron algo de diñeiro, coches, mercaron pisos, montaron negocios e establecéronse na vila. E paradoxos da vida, o señor da Meda non tivo quen lle traballase e tornouse pobre e os outros, medraron e fixéronse ricos.

-¿Inspirouse en alguén en concreto ou nalgunha vivencia persoal?

-Na miña aldea, cando eu era estudante, viñan uns vellos a quentarse e a pasar o tempo a carón da lareira. Xogaban á brisca, contaban contas e comentaban aconteceres. E unha noite de inverno, eu escoiteinos contar arrepiantes cousas deste señor da Meda que me chamaron a atención. Tomei apuntes e logo pareceume sacalos á luz.

-¿Trátase logo dun personaxe real?

-Si, o personaxe é real, existiu de verdade. Era unha persoa sinistra e malévola que despois, ao longo da vida, hai unha serie de circunstancias tremendas e terminou ata no crime e todo.

-¿Canto tempo levoulle escribir esta novela?

-Pois uns tres ou catro meses de traballo intensivo.

-¿Cantos libros ten publicados?

-Teño cinco, en galego e tamén en castelán. Hai dous anos publiquei O Escachademos e teño outros tres inéditos.

-¿Pensa editalos?

-Pouco a pouco porque custa moitos cartos. O señor da Meda editouno O Taller del Poeta, de Fernando Pérez Poza, que quere levalo ao centro galego de Bos Aires. Tamén vouno presentar en Ourense.

-¿Dende cando escribe?

-Escribir o teño como unha afección, é un hobby que teño desde sempre. Pero eu considérome escribidor, non escritor.