Xurxo Martínez adéntrase na figura de Fuco Gómez

Chelo Lago

PONTEVEDRA

06 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación Galega de Emigrantes Retornados, AGER, editou o libro Fuco Gómez, sobre a figura é obra deste personaxe, aínda moi descoñecido, que tamén viviu a emigración e a represión. O autor foi Xurxo Martínez González, que afondou na biografía do homenaxeado, «escritor, humanista, e político independentista, socialista e masón».

Nado a finais do século XIX nunha aldea do municipio lugués de Becerreá e nunha familia moi humilde, en 1913, aos 18 anos, embarcou como polisón no porto de Bilbao cara a Cuba, onde o esperaba a súa irmá Carmen. Alí participa nos primeiros movementos nacionalistas galegos, como o Partido Autonomista Galego, e cofunda a organización Xuntanza Nacionalista Galega da Habana (XNG), que sería a segunda en número de militantes dentro das Irmandades da Fala.

Martínez González subliñou que no ano 1922, Fuco Gómez funda en Cuba o Comité Revolucionario a Revista Galega, que «vai marcar un fito na historia de Galiza porque é a primeira organización abertamente independentista que reclamaba a independencia e estaba contra o centralismo español». «Ademais, tiña unha estrutura secreta, baseada nas prácticas dos grupos irlandeses en Estados Unidos».