Galiza Sempre homenaxea en Pontevedra a xeración de galeguistas de 1936

La Voz M. E. | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

06 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

? Fundación Galiza Sempre, que preside Xosé Manuel Beiras, homenaxeou o mércores en Pontevedra a xeración de galeguistas contemporáneos de Castelao, coa divulgación dunha das cartas inéditas escritas polo insigne galeguista a prol da causa da républica e da institucionalización do Estatuto de autonomía recén aprobado entón. O acto, que se desenvolveu na Casa das Campás, organizouse co gallo do 75 cabodano da fundación do Partido Galeguista nesta cidade, co obxecto de analisar os efectos da represión que padeceu o nacionalismo galego en 1936, sumándose deste xeito ás actividades do Ano da Memoria. Para o director de Galiza Sempre, Xabier Macías, esta iniciativa, denominada Partido Galeguista: a esperanza frustrada, pretendeu destacar «unha das dimensións colectivas, ideolóxicas, dos efectos do golpe de estado franquista e suscitar interrogantes sobre as repercusións na evolución do país da práctica desaparición ou esmorecemento do Partido Galeguista ou da Xeración Nós, expresións políticas e culturais -dixo- da vontade de autogoberno do pobo galego que quedaron truncadas debido á represión». Neste senso, Macías recordou tamén «que xa dende 1916, hai 90 anos, as Irmandades da Fala definiron a Galicia como nación e tanto en 1916 como en 1931, o Partido Galeguista tiña un plantexamento que ía máis aló da actual Constitución Española, porque eles falaban da soberanía da nación galega e plantexaban para o Estado español un réximen de tipo confederal». O director da Fundación estableceu un paralelismo entre o brutal golpe militar de Chile, que volve a actualidade polo estado de Augusto Pinochet, co ocurrido en 1936, que «dende o primeiro día comenzou unha sistemática e despiadada represión contra todos os demócratas e republicanos e, dentro destes, loxicamente, contra os nacionalistas galegos, e truncou toda unha xeración avanzada dende o punto de vista político e tamén cultural». O acto contou coa presenza, ademáis de Beiras, do catedrático Xusto Beramendi, Amalia Bóveda, filla do nacionalista Alexandre Bóveda e, entre outros, Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao e integrante das Mocidades Galeguistas na Segunda República.