NA ÚLTIMA | O |
26 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HAI DÍAS nos que custa moi pouco ser feliz. A ledicia aparece entón agochada detrás de cousas aparentemente insignificantes. Pode ser calquera detalle: un saúdo amable, o sol, a chuvia, unha canción ou a risa dun neno. Estar predispostos para o malo leva a pensar que só a xente sen preocupacións vive de forma máis intensa acontecementos que se repiten miles de veces na vida. Non é así. Un amigo recomendoume un libro do escritor bosnio Aleksandar Hemon. A novela leva a un personaxe a través dunha vida tráxica que se parece demasiado a súa propia como para non sospeitar que hai máis autobiografía que ficción en todo o asunto. Parte de Saraxevo en plena guerra para Chicago e alí queda atrapado. Dentro do drama que vive o personaxe, metido nos traballos máis miserables para sobrevivir, o autor atopa sitio para contalo con humor. A historia de Hemon é a de miles dos seus compatriotas. Un deles, o poeta Admiral Mahic, viviu na casa uns meses en 1995. Nunca falaba da guerra. Un día asegurou que era feliz con eses instantes nos que case ninguén repara. Acariñando un dos cans da casa co mimo de quen disfruta enormemente co xesto, fixo unha confesión. Ao del matárao un francotirador.