Arte para levar sobre o peito

La Voz

PONTEVEDRA

RAMÓN LEIRO

Praza da Ferrería O colectivo Rei Zentolo, que vén de abrir unha tenda en Pontevedra, mistura o pop coas tradicións galegas no deseño das súas camisetas, vendidas xa en toda Galicia

24 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Seguro que xa terá visto sobre o peito de algún dos seus amigos a personaxes coma Centolomán, ou ese Can de Palleiro ao que «só lle falta falar». Estes son só dous dos deseños de Rei Zentolo, un colectivo de artistas e de deseñadores gráficos que vén de tirar polo práctico e montar en Pontevedra a súa primeira tenda de camisetas, situada na rúa Paio Gómez Charino. E agora preparan o asalto ao mercado internacional. A aventura de Pablo Rodríguez Torres, José Manuel Prieto Lestao, Miranda, e Salvador Vázquez comezou case que por casualidade. Cando os dous primeiros remataron a carreira de Belas Artes en Pontevedra, a súa intención era montar unha galería de arte «na que se vendesen obras a baixo custe. A idea nosa sempre foi achegar a arte á xente», explica Miranda. Para financiar este proxecto pensaron en facer camisetas para vender aos turistas en Santiago. Imprimiron 160 «con 100.000 pesetas prestadas. Fixemos unha sobre os pementos de Padrón, outra sobre o polbo, unha coa catedral e outra cunha meiga», contan. Os deseños xa contiñan a mirada irónica e pop sobre os tópicos máis arraigados da cultura galega que o colectivo segue conservando. O caso é que as camisetas empezaron a venderse moi ben en festas e festivais, e logo nalgunhas tendas de Santiago e ¡na cafetería do Parlamento de Galicia! Alí traballaba Miranda, que se nega en redondo a desvelar a que políticos chegou a colocarlles algunha daquelas prendas primixenias. «Pero eran dos tres partidos», bromea. Hai un ano De todo aquelo vai un ano. Agora, Rei Zentolo ten unha tenda propia na cidade de Pontevedra, e serve camisetas cuns vinte logos distintos a trinta comercios de toda Galicia. As imaxes con máis éxito seguen sendo a dos pementos de Padrón e a da clásica lata de sopa de Andy Warhol, agora feita de grelos. «Moitos pregúntannos se é a de Aquí hay tomate», un programa de televisión da tarde, contan eles. A expansión non para: agora están preparando unha liña para Asturias, subvertindo os tópicos tradicionais do Principado, outra para o País Vasco e unha máis dirixida ao mercado gay. Ademáis, dentro de pouco chegarán tazas, bolsos e outros productos cos deseños do Rei Zentolo impresos. Con imitadores xa presentes noutras tendas de Galicia, o que non esquecen os tres integrantes do grupo é a idea primeira que os levou a emprender a súa aventura. «Pedímoslle á xente que teña obras que nos envíe un dosier. Queremos potenciar o espazo desta tenda como galería», explica Salvador Vázquez, historiador da arte. O regueiro de proxectos que se cocen na parte traseira do local é enorme: está a punto de saír un cómic sobre Centoloman, hai varias exposicións pensadas, prepáranse as camisetas para a nova temporada e proxéctase unha xira cos Diplomáticos de Monte Alto, na que o Rei Zentolo presentará os seus deseños de festival en festival. Será, dalgunha maneira, coma volver ao principio.