NA ÚLTIMA | O |

04 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HABÍA unha lenda que circulaba por Bilbao a finais dos anos oitenta que aseguraba que había una excavadora que se facía cargo de madrugada dos homes que cada día eran víctimas do sobreesforzo do deporte. A historia crecera alimentada pola paixón desmedida polo footing que había entre un sector da poboación daquela cidade. O rumor propagárase polas tabernas entre as bromas dos que concebían que os praceres da vida tiñan mellor entrada polo padal que a través da posta a punto do corpo. Tanto no bando dos comellós como no dos deportistas hai de todo. Un grupo de pontevedreses andan agora a chimpar dos valados abaixo e metidos nas fervenzas para que os seus corpos respondan cando se convoque un campeonato de raids, unha especialidade que combina varios tipos de deportes de risco. Coa distancia que dá a vellez para mirar as cousas, Torrente Ballester dixo nunha ocasión que el ó único que tiña que dicir ao respecto deses deportes era que el nunca os praticara. O comentario viñera provocado pola pregunta dun dos fillos, que temía que a posición encorvada que fora adoptando sobre o bastón se interpretara como unha descortesía. Ten gracia que o dixera el, que fixo levitar a toda unha cidade. Iso si que é un deporte de risco.