NA ÚLTIMA | O |
07 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.AGORA que a sonda Voyager está a punto de sair do sistema solar despois dunha viaxe de 26 anos e 13.000 millóns de kilómetros é bonito saber que viaxan a bordo mensaxes menos complicadas que toda a sofisticación técnica que levou á nave tan lonxe. Os que puxeron o inxenio en órbita decidiron incluir, entre outras cousas, o canto dunha balea como a que andivo polo porto de Marín e o resto da ría cando o chapapote aínda flotaba por fora das Ons. Anduriña, como bautizaran a aquel animal os científicos que o vixiaban para que non o matara a colisión con algún barco mercante, emite, igual que o resto das súas compañeiras, un canto que está considerado como un dos máis fermosos do mundo. Algo hipnótico, din os expertos. Desde febreiro pasado non se volveu saber da balea, aínda que un informe da Comisión Baleeira Internacional non pinta un futuro moi pormetedor. A poboación de cetáceos como Anduriña é aproximadamente un cinco por cento do que foi antes das cazas masivas dos seculos XIX e XX. Agora que a Voyager vai sair do sistema solar, sería unha mágoa non asegurar aquí a pervivencia das baleas que gañaron a honra de viaxar na sonda. Aínda que só sexa para que fagan de cando en cando unha visita pola ría.