A Deputación concederá a medalla de ouro da provincia ao filólogo e etnógrafo Eligio Rivas

La Voz OURENSE

XUNQUEIRA DE AMBÍA

Alberte Paz Garza

O presidente anuncioulle o galardón «como homenaxe a unha forma de ser e sentir o noso»

03 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos anos a Deputación ten concedido medallas de ouro da provincia a distintos persoeiros. Á lista -formada por Manuel de Dios, Recaredo Paz, Xaime Quessada, Marcos Valcárcel, Los Suaves, Carlos Casares e Luis Rodríguez Míguez- sumarase proximamente Eligio Rivas Quintas. O presidente provincial, José Manuel Baltar, anuncioullo onte en persoa durante un encontro no seu despacho do Pazo Provincial ao que acudiu acompañado polos directivos da asociación cultural Amigos da Vía da Prata, José Antonio Quintas e José Luis Rodríguez Cid.

A decisión de concederlle a medalla de ouro da provincia a Eligio Rivas pretende poñer en valor as súas achegas no ámbito da filoloxía e da etnografía, destacando os seus traballos sobre toponimia e etimoloxía. Trátase, segundo dixo Baltar, dun «tesouro cultural que soubo investigar, preservar e impulsar como poucos, polo respecto á nosa historia, a nosa fala e ás nosas tradicións, que marcaron sempre a súa dilatada carreira profesional».

O presidente fixo fincapé no seu Dicionario Etimolóxico da Lingua Galega, que «é un dos mellores estudos sobre o léxico rural da nosa terra, traballo ao que hai que sumar unha prolífica obra que abrangue máis de medio século, con libros, estudos e proxectos de lexicografía, filoloxía, toponimia, historia e arte». Baltar concluíu que a medalla de ouro será un «homenaxe a unha forma de ser e de sentir o noso, de divulgar os mellores valores que nos singularizan como pobo e como país». No fondo, segundo dixo o presidente, este galardón é tamén «o recoñecemento á nosa cultura, personificada en Eligio Rivas».

O homenaxeado, que naceu en Fondo de Vila (Xunqueira de Ambía) no ano 1925, xa recibiu outros prestixiosos galardóns. En 1980 recolleu o Premio Otero Pedrayo pola súa obra A Limia e nese mesmo ano tamén se lle concedeu o Taboada Chivite. Así mesmo, no ano 2000 foi merecedor dunha das Medallas Castelao que concede a Xunta de Galicia. Doutor en Filoloxía Románica e especialista en toponimia, os seus traballos nese eido son un referente nos estudos universitarios. É membro da Comisión de Toponimia de Galicia, fundador da Asociación Galega de Onomástica e correspondente da Real Academia de Historia. Nun comunicado, a Deputación destaca tamén obras ou proxectos impulsados por el, como a restauración da ermida de San Mamede ou a mellora do Camiño Mozárabe a Santiago.