Mestres

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

XUNQUEIRA DE AMBÍA

15 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Vinte días leva un rapaz de Xunqueira de Ambía esperando un mestre que lle dea clases na casa mentres cura unha perna rota. Vinte días van desde que lle foi concedido por Educación. Se un pai pasa 20 días sen levar o neno á escola, saltan todas as alarmas. Marabilloso que ocorra, vaia por diante, que non é bo sinal que os nenos perdan escola. Pero, ¿por que non pasa nada cando é a administración a que non cumpre? Seguro que se o pensa un chisco -se cadra vostede mesmo está no caso- vénlle á cabeza o nome dun amigo ou un familiar que está nas listas de contratación esperando unha chamada da Consellería de Educación. Coa cantidade de diplomados e licenciados que saen das universidades galegas cada ano en estudos relacionados coa docencia, custa crer que non teñan a quen chamar. O que pasa é que alongan no tempo a contratación de persoal para cubrir baixas porque así aforran cartos. É algo que ocorre desde fai tempo. Moito tempo. Todos estivemos algunha vez sen un profesor que faltaba semanas por estar enfermo e o substituto chegaba con varias clases xa perdidas. Certo é que como estudante o normal era agradecer ese tempo libre... pero a administración non debería deixar aos estudantes sen o seu dereito á educación. Neste caso, haberá quen diga que un neno de seis anos pouco perde en 20 días de clase. Perde 20 días que non perden os seus compañeiros. Pasou o curso pasado con Hadrián, o neno de Malpica ao que lle quixeron rescindir horas de clase na casa mentres se recuperaba dunha leucemia. A nai tivo que afrontar unha loita titánica para lograr manter os dereitos do seu fillo. ¡Vaia país!