Toña Nogueiras, catro décadas como comerciante de lencería: «Sempre preferín deixar de vender antes que aconsellar mal a unha clienta»
XINZO DE LIMIA
Un histórico comercio de Xinzo de Limia bota o peche despois de 35 anos na avenida de Madrid
13 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hai escaparates en pequenas vilas que son moito máis que un comercio. Son un punto de encontro para distintas xeracións de familias, que apostan polos negocios de proximidade onde atopar un bo consello e o tempo de atención que, en moitas ocasións, non se encontra nas grandes cadeas da cidade nin moito menos nas apresuradas compras a golpe de clic na pantalla dun móbil. En Xinzo de Limia un deses locais leva o nome de Anxa e está a vivir as súas últimas semanas despois dunha dilatada traxectoria de 35 anos.
Á fronte do negocio está Antonia Nogueira, Toña para todas as súas clientas de lencería e, nunha anterior etapa, de roupa de noiva. O comercio abriu as súas portas a principios da década dos noventa do século pasado, cando Toña e a súa irmá Xulia apostaron polo negocio. Ela acababa de chegar do País Vasco e uniron as súas forzas para levantar un comercio de referencia en lencería, fogar e traxes de noiva.
A boa acollida do negocio fixo que tiveran que mudarse á localización actual na avenida de Madrid. Trala xubilación da súa irmá no 2012, Toña mantivo o negocio aínda que decidiu facer unha pequena variación no nome. Cambiou Anxo por Anxa, sen moito máis misterio: «Non me gustaba o letreiro que tiñamos e entón pensei en cambiar Anxo —a unión de Antonia e Xulia— por Anxa —o seu nome e máis o do seu marido Xavier—. O demais seguiu todo igual». O que non mudou nin un ápice desde a súa apertura foi a filosofía de negocio, que resume á perfección as vantaxes do comercio de proximidade. «Eu sempre preferín deixar de vender un produto, pero aconsellar ben á xente. Nunca intentei meterlle nada pola vista que soubera que non lles ía ben ás miñas clientas», resume.
Unha das cuestións que máis agradeceron sempre as clientas máis habituais —moitas aproveitan o tempo de verán en Xinzo desde Barcelona ou o País Vasco— para apostar por Anxa foi o trato personalizado. «Nas grandes cidades isto xa non existe. O que ofrecemos nós é axudar á xente e aconsellala que, para min, é o máis bonito. Teño unha clienta á que nunca a habían tallado e quedou moi agradecida cando o fixen. Esas pequenas cousas son as que nos diferencian».
Nas catro décadas dedicadas ao comercio local, Toña viunas de todas as cores. Asegura que a resiliencia do sector está a proba de todo e que nin tan sequera a venda por internet pode con eles: «Cando empezou esa moda houbo un temor inicial, pero a fidelidade de moita xente mantense por ese trato personalizado e esa atención exclusiva».
Se o comercio mudou moito nese tempo tan longo desde os seus comezos, tamén o fixo a lencería. Toña resume o seu punto de vista: «Antes era todo máis de lencería, máis con encaixes. Agora a xente vai ao práctico e a cousas máis sinxelas».
Un dos momentos máis complicados para Toña foi o de asumir que o negocio ía pechar as súas portas. Explica que unha sobriña estivo valorando tomar o relevo, pero que finalmente non o fixo. É, precisamente, a falta de relevo xeracional unha das grandes dificultades que atravesa o comercio de proximidade: «Moita xente viña a dicirme que non sabía que ía facer sen os meus consellos».
Recoñecemento ao comercio de proximidade de Prolimia
A inminente xubilación de Toña non pasou desapercibida no sector. A Asociación de Empresarios e Comerciantes Prolimia e a Confederación Empresarial de Ourense renderon unha cálida homenaxe á súa traxectoria, unha das máis lonxevas do comercio local de Xinzo de Limia. Fixérono con motivo da feira organizada polo colectivo a finais do mes de agosto na tenda de lencería Anxa, situada na avenida de Madrid. «A súa traxectoria representa o mellor do comercio de proximidade: negocios familiares que sosteñen a actividade diaria da vila, que xeran emprego e que acompañan durante décadas a vida das súa veciñas e veciños», indicaron desde o colectivo. Para Toña o acto de Prolimia foi toda unha sorpresa, xa que non o esperaba: «Foi todo moi emotivo, porque supón un recoñecemento do resto de compañeiros á miña traxectoria, aínda que nunca me gustou o protagonismo». Agora, nas últimas semanas antes da xubilación, a comerciante da Limia recoñece sentir algo de vértigo ante unha situación nova para ela, acostumada a traballar de luns a sábado.
Quen é. Antonia Nogueiras, coñecida por todo o mundo como Toña, naceu no pobo de Lamas, en Xinzo de Limia.
A que se adica. Estivo ao frente, xunto coa súa irmá, da tenda de Lencería Anxa.
O seu recuncho. O negocio que abriu coa súa irmá hai 35 anos na avenida de Madrid, en Xinzo de Limia. Nela pasou moitas horas, incluso noites, para ter o escaparate sempre ao día.