
Para o meu neto Aldán, que aínda non ten os 3 anos, a pantalla só é o disfrace típico de Xinzo, que el xa estreou este ano. Os seus pais decidiron que ata que chegue aos seis anos, tal como recomendan os especialistas, non terá ningún tipo de contacto con pantallas dixitais nin dispositivos electrónicos, nin sequera televisión. É un obxectivo difícil, pero coido que o están a facer ben. E nós colaboramos, porque cando el está na casa, apagamos todo, menos a luz. Ninguén dubida de que a tecnoloxía é fundamental para a aprendizaxe do século XXI, pero un uso descontrolado trae máis prexuízos que beneficios. E quen nolo ía dicir! Velaí o Goberno da Comunidade de Madrid, que seica prepara para o vindeiro curso un decreto que lle prohibirá ao alumnado de infantil e primaria de centros sostidos con fondos públicos o uso de xeito individual de ordenadores, móbiles ou tabletas. Nunca pensei que concordaría cunha medida do Goberno de Ayuso, pero aplaudo a iniciativa porque hai tempo que se ven arrastrando unha serie de consecuencias nefastas para o alumnado: deterioro da atención, atrancos graves para a concentración, mala saúde visual, alteración do soño... O decreto prima máis o desenvolvemento dos rapaces que a súa competencia dixital, que procurará garantirse cunha hora semanal, por exemplo, no caso dos nenos de 3 a 6 anos, nun uso compartido e supervisado polo docente.
A interesante noticia fai que lembre á xornada que o outro día asistiron os pais con Aldán para procuraren cole para o vindeiro curso. Seica cando a orientadora se gababa de que nese centro tamén había moitas pantallas, o meu neto mirou para os pais e deu en sulfadrear, que é como se di na Limia ao ruxido que emite o disfrace central do entroido.