Amador Díaz Penín, alcalde de Xinzo: «Non veño a buscar nada da política e creo que a xente entende o que fixen»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

Amador Díaz Penín, alcalde de Xinzo de Limia por AXIL
Amador Díaz Penín, alcalde de Xinzo de Limia por AXIL ALEJANDRO CAMBA

O líder de AXIL comezou a semana reuníndose cos seus socios de goberno

20 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O sábado converteuse en rexedor de Xinzo de Limia. O que debía ser un acto de alegría viuse enturbado polos berros de parte do público que non entendeu que Amador Díaz Penín (AXIL) se aliara co PP, tras catro anos gobernando ó lado da socialista Elvira Lama. Este luns, xa no despacho do alcalde, comezou a conversar cos seus socios para formar canto antes o equipo que gobernará a vila os próximos catro años.

—Como explica o seu pacto co PP ós que non o entenden?

—Somos unha agrupación que decide todas as cousas en asemblea. Tivemos catro reunións co PSOE e ó final tomamos a decisión de aceptar o apoio do Partido Popular. Elvira Lama tensou a corda e estirouse demasiado. Na última reunión que tivemos non quixo facer un reparto da alcaldía por dous anos, pediamos os últimos, e tamén había discrepancias no tema das concellerías. Durante toda a campaña dixen que o meu compromiso era cos veciños de Xinzo. Á hora de pór na balanza para facer unha posible coalición era indispensable ter o apoio onde puidera plasmar proxectos importantes.

—Cales son eses proxectos?

—Os que ían no programa, entre eles a construción do auditorio.

—Ese compromiso era tamén posible co PSOE.

—Si, pero falamos de poder plasmalo economicamente.

—Que fixo no seu primeiro día como alcalde?

—A toma de contacto co socio de goberno. Estamos mirando que concellerías leva cada un. Pode cambiar algún nome, pero as prioridades son as mesmas. Todas son importantes. Seguirán sendo sete. De momento o que é seguro é que eu seguirei sendo concelleiro do medio rural.

Amador Díaz Penín (AXIL) y Antonio Fernández Veiga (PP), alcalde y teniente alcalde de Xinzo
Amador Díaz Penín (AXIL) y Antonio Fernández Veiga (PP), alcalde y teniente alcalde de Xinzo ALEJANDRO CAMBA

—Como é a relación con Antonio Fernández, o portavoz do PP que antes estaba na oposición e agora é o seu socio de goberno?

—Eu son unha persoa que creo que non teño inimigos. Gústame o diálogo e escoitar. Eu sigo sendo Amador, non quero que ninguén me chame alcalde. A humildade seguirá sendo o meu sinal de identidade.

—Falou con Elvira Lama despois do pleno de investidura?

—Acercouse para dicirme se podía recoller as cousas o luns, díxenlle que si... Sempre se fixo una foto coa corporación entrante e ela negouse, non me parece un acto bonito de cara ós veciños da vila.

—Agora é alcalde, como é a reacción da rúa?

—Hai xente que me leva votando moitos años, de esquerdas, que me deu abrazos emocionados con bágoas nos ollos. Tras o ocorrido o sábado no salón de plenos, que non foi agradable e non é significativo da xente da vila, que é moi acolledora, sinto que estou moi arroupado.

—Foi concelleiro co BNG, socio de goberno co PSOE a través dunha agrupación veciñal, e agora pacta co PP.

—Non veño a buscar nada da política. Creo que a xente entende o que fixen e demostrareino. Ser alcalde é un motivo de orgullo e de responsabilidade. Soñeino e fíxose realidade.