Xinzo chama aos cidadáns a sumarse á demanda dunha mellor atención sanitaria

La Voz

XINZO DE LIMIA

Centro de Saúde de Xinzo
Centro de Saúde de Xinzo No disponible

A alcaldesa editou un bando para trasladar á poboación o acordo municipal para reclamar melloras á Xunta

15 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, fixo público un bando para informar á poboación da capital da Limia sobre os acordos adoptados pola corporación municipal para reclamar melloras na situación sanitaria que se vive no concello e, de paso, demandar a implicación da cidadanía nesas reivindicacións e na loita para conseguir as reclamacións aprobadas. O grupo de goberno de Xinzo levou ao último pleno unha moción para instar á Xunta de Galicia a adoptar toda unha serie de medidas, dende o reforzo das áreas á ampliación do centro de saúde, para paliar o que se considera unha deficiente atención sanitaria para os veciños de Xinzo e da comarca da Limia. A iniciativa foi aprobada co apoio de todos os grupos presentes no pleno da corporación limiá. 

Dende o Concello que preside Elvira Lama incídese en que o que se pretende é «que se faga xustiza sanitaria coa vila e a súa comarca, envellecida e eminentemente rural». Coa edición do bando o que se busca é que a cidadanía sexa coñecedora da situación e que se sume ás reivindicacións para mudar unha situación que non é a que Xinzo merece, segundo se sinala dende a administración local.

No acordo adoptado en pleno inclúense catro puntos. As reivindicacións pasan por instar á Xunta de Galicia a mellorar as condicións de eventualidade, procurando estabilizar ao personal e non sobrecargar os cupos sanitarios asigandos ao Centro de Saúde de Xinzo; reformular de forma real a Atención Primaria e incorporar máis persoal; repoñer a praza de enfermeira de Pediatría dotando ao centro dun médico para atender axeitadamente á poboación infantil e proceder á ampliación do Centro de Saúde de Xinzo dotándoo «das melloras necesarias acordes coas necesidades dos servizos que presta e da poboación envellecida á que atende».