Manuel Seoane: «A restauración do Pórtico do Paraíso dignificou moitísimo a catedral»

X. M. R. OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

Miguel Villar

Para o arquitecto responsable das obras da basílica a humidade é o gran inimigo

14 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda Manuel Seoane Feijoo (Laroá, Xinzo de Limia, 1960) pechando ciclos. O de docente na Escola de Arte e Deseño Antonio Faílde rematouno hai dous anos e agora vai camiño de facelo como garda do legado do elemento patrimonial máis destacado da cidade, a catedral. E fai o propio co estudo de arquitectura que ten na capital da Limia —«Sempre quedan proxectos por pechar»—, aínda que neste caso mantén a esperanza de que haxa continuidade familiar e sexa a súa filla Sara a que lle siga a dar vida ao lugar. Desconta días Manolo Seoane na súa condición de arquitecto da catedral de Ourense —ao tempo que lembra que non existe tal responsabilidade— e fixa o seu horizonte de despedida no remate do proxecto que se está a desenvolver na fachada principal. Da súa experiencia como responsable dos proxectos de restauración da basílica ourensá falou esta semana nunha conferencia organizada polo Ateneo de Ourense que levaba por título As reformas da catedral.

—Trinta anos dan para moito. Que se ten feito no monumento?

—Lévanse realizado moitas intervencións na catedral neste tempo. Recuperouse o Arquivo, renováronse as cubertas, cambiouse toda a instalación eléctrica, rehabilitouse a capela de san Xoán e outras intervencións.

—Como remata un sendo arquitecto da catedral? Hai unha proba de selección?

—(Ri). Non hai un arquitecto da catedral de Ourense como tal, é dicir, non existe ese cargo. O proceso no meu caso foi un camiño de continuidade. Traballaba con Alfredo Freixedo, que era o que se encargaba das obras e o que fixo o plan director. Cando el o deixou continuei eu co traballo. É certo que levo todos estes anos desenvolvendo proxectos alí, pero tamén se teñen realizado outros nos que non participei.

—Todo comezou co Arquivo?

—Si. O proxecto fíxose en 1993 e as obras remataron en 1996. O estado era lamentable. Non había espazo para os investigadores, o acceso era moi tortuoso, non había calefacción... Coa intervención conseguimos darlle unha certa normalidade e manter unhas condicións dignas para o traballo a para os investigadores.

—A humidade é o gran inimigo?

—Sen dúbida. Hai un sistema de desaugadoiro moi complexo, moitas zonas de terraza con filtracións, o edificio está nun lugar de moita pendente —co cal hai estancias por debaixo do nivel do chan— e aínda que se foron arranxando as partes altas e se creou unha cámara bufa sempre hai espazos nos que é preciso intervir pola magnitude do monumento. Falamos dun edificio que ocupa case unha hectárea.

—A restauración do Pórtico do Paraíso marcou un punto de inflexión no plan de restauración?

—Estamos a falar dun elemento moi singular e, obviamente, a recuperación do mesmo en todo o seu esplendor dignificou moitísimo a catedral de Ourense. No meu caso cun valor engadido porque lembro vir coa miña nai, sendo neno, e daquela no Pórtico do Paraíso había cor, cousa que non pasaba no Pórtico da Gloria de Compostela. Recoñecendo que foi unha obra destacada, é de xustiza sinalar que tamén o foron outras como a recuperación da capela de san Xoán, a actuación na fachada norte e outras intervencións. Mesmo as descoñecidas para o gran público.

—Que premiaran a restauración da fachada norte foi un recoñecemento ao esforzo de anos?

—Non son de premios, non é algo ao que me presente ou que procure. Dito isto, non cabe dúbida que sempre é un honor que os compañeiros de profesión recoñezan o traballo que se fixo neste proxecto que desenvolvemos a miña compañeira Sonia López e máis eu.

«A recuperación da fachada principal e das torres vai potenciar o conxunto»

De non mudar as cousas, a actuación que se está a desenvolver na actualidade na fachada principal da catedral e nas torres será o derradeiro proxecto na basílica ao que estea vencellado Manolo Seoane. O arquitecto limiao leva mantido en todos estes anos a mesma estratexia —que como tal non existe, en canto a decisión planificada, e ten que ver máis coa súa forma habitual de proceder— e sempre agarda ao remate para que sexan outros quen xulguen o traballo realizado.

—Que motivou o retraso no proxecto de restauración da fachada oeste?

—A situación económica, o incremento dos custes e demais motivaron que se tivese que ir a un replantexamento da obra. Pediuse unha ampliación de prazo e niso estamos.

—Cando rematarán?

—Se todo vai segundo o previsto debería ser a comezos do 2023.

—Será outra das intervencións que marcarán unha etapa?

—Sen dúbida. Ao liberala de elementos alleos poderanse ver as esculturas e a fachada románica en todo o seu esplendor. Conxunto que gañará moita forza coa nova vidreira. A recuperación da fachada principal e das torres vai potenciar o conxunto. É unha situación lóxica polo demais: estamos falando da fachada principal, a que dá acceso ao Pórtico do Paraíso, e iso xa define a súa verdadeira importancia.

—Que sente ao non estar para a reforma do cimborrio?

—Virei de visita (ri). O cimborrio da catedral de Ourense é unha peza única, moi especial e que se debe potenciar. Polo que sei, estase a redactar o proxecto e será a próxima gran actuación no conxunto monumental. Dito isto tamén cómpre lembrar que iso xa será responsabilidade doutros.

Un limiao comprometido co territorio que rematou na docencia

Non é fácil ir á procura da traxectoria profesional como arquitecto de Manolo Seoane porque nin el mesmo dá conta do que leva feito. Asinte cando se lle pregunta por actuacións concretas e tira de sorriso e brincadeira cando argumenta porque non se dedicou á arquitectura a tempo completo: «Porque había outros mellores ca min».

A Limia é a súa paixón. Forma parte de proxectos como o Centro de Cultural Popular da Limia —«Temos practicamente rematado un novo número, o quince, da revista Lethes e imos presentalo axiña»— e confésase un militante do territorio. «É unha comarca moi ben definida e deseguida te identificas e conectas con ela e coas súas xentes. Como di miña nai, ‘A Limia é un sitio moi bonito’», sinala.

Botou toda a vida dando clases na Faílde e recoñece que chegou ao ensino de casualidade. A faceta docente compatibilizouna co exercicio da arquitectura, durante anos en colaboración con outros profesionais como Alfredo Freixedo e María Jesús Blanco. Participou, entre outros moitos proxectos, na recuperación do antigo balneario de Cortegada, fixo o Centro de Interpretación de Aquis Querquennis, foi un dos autores do Museo do Viño de Galicia e recuperou, en 1997, o castelo de Maceda. Tamén traballou en Santa Mariña de Augas Santas e na Torre da Pena.

—Como chegou ao ensino?

—Ao rematar a carreira comecei alí mesmo, na Coruña, a dar clases nun centro de FP para gañar uns cartos antes da mili e así pasala de forma máis desafogada. Ao rematala resultou que había un montón de prazas libres e entrei na escola alá polo 1987 ou 1988. Atopeime cun sitio tan magnífico e estupendo, no que había unha chea de artistas, que me enganchei. Primeiro dando clases de Teoría e práctica do deseño, logo de Deseño de mobles e despois de Deseño de interiores.

—Que sente ao ver como está Salgueiros?

—Foi un proxecto moi ilusionante e fíxose unha inversión moi grande alí. Non sei como está na actualidade, pero polo que me chegou seica saquearon todo o complexo e está todo destrozado. Teño dous proxectos fracasados de recuperación de aldeas abandonadas: o de Salgueiros (Muíños) e o de Saa (Vilar de Santos). Aínda que neste último parece que hai intención de recuperalo e facer algo.

—Trandeiras é a súa cruz?

—É das cousas que máis me doe. Redactei un anteproxecto e ninguén fixo nada en todos estes anos. A diferenza doutros espazos patrimoniais o mosteiro é propiedade de Xinzo e ninguén fai nada. Pasaron polo Concello gobernos de todas as cores, de todas, e nunca lles interesou.

—Cónteme como é que atopou parte dunha escultura romana.

—Iso foi na prehistoria (ri). Preto da nosa casa hai un castro. Abriran unhas pistas pola zona e cando saín a pasear estaba alí á vista.

Quen son. 

«Unha persoa á que lle gusta avanzar sen présa, pero con seguridade. Se hai algo que non soporto é retroceder»