Xabier Casares: «Necesitamos implicar a máis xente para garantir o futuro do Liceo»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

MIGUEL VILLAR

A entidade da rúa Lamas Carvajal acolleu 2.283 actividades en oito anos

06 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A asemblea do Liceo de Ourense recuncaba hai uns días no seu apoio ao actual presidente para outros catro anos exercendo como tal. Xabier Casares Mouriño (Xinzo de Limia, 1946) leva dous mandatos como responsable da veterana institución cultural ourensá, que o pasado día 3 cumpriu os seus 172 anos de historia, e para esta nova etapa o seu obxectivo prioritario será traballar arreo para lograr a captación de socios para ampliar a base do Liceo e, de paso, garantir o futuro da sociedade que ten como sede o pazo da rúa Lamas Carvajal. Nestes oito anos de xestión, as directivas presididas por Xabier Casares afrontaron como proxectos prioritarios aspectos como o saneamento económico da sociedade e a execución dos traballos necesarios para reformar e mellorar as instalacións do antigo pazo dos Oca Valladares.

—Que balance fai do realizado ata o de agora?

—Bo, porque se cumpriron as propostas que se anunciaron cando tomei posesión hai oito anos. Daquela os da directiva fixemos un esquema do que queríamos e deberíamos realizar e con eses obxectivos traballamos.

—Cales foron esas premisas?

—Manter a calidade da vida cultural —non só do Liceo senón tamén doutras entidades que non contan con espazos propios—, non subir a cota aos socios, reducir a débeda —a entidade está saneada— e conservar o BIC nas mellores condicións posibles.

—Destacou no seu informe á asemblea o estado económico e as obras desenvolvidas.

—Fixemos un esforzo importante e na actualidade a única débeda, se por tal se entende, é a que xera a actividade corrente. E no caso das obras encargamos un estudo para saber onde había que actuar. Cambiamos os baños, acondicionáronse salas e espazos que estaban pendente de mellora e cambiamos o tellado por completo. Todo iso non sería posible sen as axudas conseguidas para acometer estes proxectos.

—Ampliar a masa social é a eiva que segue lastrando o futuro?

—É o noso gran reto e unha das prioridades nas que incidiremos nestes catro anos. Necesitamos implicar a máis xente no proxecto do Liceo porque diso vai depender o futuro da sociedade.

—Con cantos socios contan na actualidade?

—Neste momento con algo máis de cincocentos.

—Apuntou hai uns anos a opción de facer convenios para incorporar a máis sectores?

—Fomos chegando a acordos para integrar a colectivos nas nosas actividades e seguiremos co mesmo esquema nestes anos.

—O volume de actividade fainos un referente na cidade?

—Nestes oito anos desenvolvéronse 2.283 actos no Liceo. Organizamos os nosos e acollemos, de balde, a quen precise dun espazo para desenvolver as súas iniciativas. Esa circunstancia fai que sexamos un dos espazos de referencia para Ourense, sen dúbida.

—Contemplan novas accións?

—Imos incorporando propostas periodicamente. O ciclo «Lembrando a...» foi todo un acerto e conta cunha importante participación en cada convocatoria.

—Atraer aos mozos segue a ser a materia pendente?

—Si. É unha das liñas de traballo que nos fixamos como prioritarias para estes catro anos. Crear novos servizos para os socios e atraer á xente nova.

—Foise retrasando o proxecto do restaurante pola condición de BIC do edificio. Como está sendo o resultado?

—Foi unha boa decisión. Está funcionando moi ben e para nós é unha axuda, obviamente, porque son uns ingresos que nos valen para afrontar os gastos da sociedade. Entre iso, o outro local que temos alugado e o que se ocupará no futuro próximo xeramos uns ingresos que son moi importantes para o Liceo.

—Falouse no seu día dunha libraría no baixo da antiga farmacia. Segue adiante ese proxecto?

—Aquilo non se materializou polos problemas que houbo coas instalacións e as condicións que se marcaban ao ser un BIC. Temos asinado un acordo cun grupo ourensán de hostalería e as previsións pasan por abrir nun futuro próximo.

—Daquela contará o Liceo con dous restaurantes?

—Non. Vai desenvolver aí o seu proxecto un grupo de hostalería pero non vai ser un restaurante.

«O foro foi unha gran iniciativa que está sendo unha referencia para a cidadanía»

A institución cultural mantén unha actividade na que se mesturan as propostas consolidadas e as de acollida —doutras institucións e organismos— coas de nova creación. Entre as últimas está a posta en marcha do Foro do Liceo e vencelladas ao histórico da institución figuran iniciativas como as que teñen a Carlos Casares —sempre recoñeceu o escritor que o Liceo era a súa segunda casa— como protagonista.

—Fan un seguimento do Foro do Liceo en canto á repercusión das iniciativas?

—As xuntanzas sectoriais e os informes xeran interese e constatamos que dende os diferentes sectores dos que se abordan as problemáticas se valora o traballo e as propostas ou informes que saen dos debates sectoriais. O foro foi unha gran iniciativa que está sendo un referente para a cidadanía de Ourense.

—Teñen esta semana un acto en lembranza de Carlos Casares. Haberá máis propostas no 2022?

—O encontro faise xusto o día antes do vinte aniversario do seu pasamento e seguramente haberá máis citas ao longo do ano.

—A decisión de conceder a medalla de ouro ao presidente da Deputación a título individual, e non á institución, xerou discrepancias. Como a valora vista co paso do tempo?

—Foi unha decisión persoal miña, apoiada pola directiva, que considero un acto de xustiza. Nós expuxemos os problemas do Liceo nunha reunión e el asumiu o custe das obras para resolver a situación. E había precedentes, xa que se lle concedera a título persoal —non polo cargo— a Manuel Bermúdez (Caixa Ourense), José Luis Méndez (Caixa Galicia) e a un director xeral da Xunta do que non lembro o nome.

—Falouse de abrir a canella entre Lamas Carvajal e Bispo Cesáreo. Como está o proxecto?

—Aí non temos nada que dicir porque é propiedade da igrexa.

Un pediatra ao que xubilaron, amante do jazz e valedor do seu irmán

Aínda que a tradición da familia Casares Mouriño está vencellada á Limia, só Xabier naceu en Xinzo —«e o meu pai en Lamas»—. A presenza das anécdotas, vivencias e lendas da comarca que percorreron a obra literaria e xornalística do seu irmán Carlos está na orixe desa crenza. Formado como médico nas aulas da USC, Xabier Casares foi toda unha institución na sanidade pública ourensá. Actividade profesional que compatibilizou cunha carreira política que lle deu protagonismo no Concello de Ourense e no Parlamento de Galicia como membro do PSdeG-PSOE.

—Canto tempo estivo no que hoxe é o CHUO?

—Toda a miña carreira profesional: dende 1976 ao 2013, cunha paréntese de tres meses na que estiven en Barcelona formándome para crear o servizo de Oncoloxía Pediátrica aquí en Ourense.

—Vostede é dos médicos xubilados por imperativo categórico?

—Pedín prórroga aos 65 e concedéronma, logo foi cando aprobaron a nova lei e xubiláronme aos 67 anos.

—Trinta e sete anos de profesión dan para moito.

—Para sumar grandes satisfaccións, e momentos moi malos. Curar a alguén sempre é unha ledicia, mais cando ves chorar aos nenos e ás súas familias son momentos difíciles de encaixar.

—Tivo unha destacada traxectoria política. Non a bota en falta?

—En absoluto. É unha etapa que lembro con agrado porque creo que fixemos boas cousas, tanto no Concello de Ourense como na Xunta ou na actividade parlamentar, pero non a estraño. Non sigo a marcha da política, mais o que si vexo é que vivimos momentos moi preocupantes a nivel local, galego, español e mundial.

—Preside a Fundación Carlos Casares. Como lembra as Letras Galegas dedicadas ao seu irmán?

—Como unha festa. Chamoume Xesús Alonso Montero para dicirmo cando estaba de viaxe en Portugal coa miña irmá. Foi un ano moi importante para nós, que serviu para reivindicar a Carlos e achegar a súa obra e o seu legado ás novas xeracións.

—Durante anos tiveron unha cita musical á semana nun local da Lonia. Que tocaba vostede?

—O saxofón e o clarinete. A música é a miña paixón, sobre todo o jazz.

Quen son: 

«Definiríame como unha persoa moi tolerante, que quere o mellor para a súa xente e que está disposta a sacrificarse polos amigos e pola familia».