Silencio real

XINZO DE LIMIA

Eduardo Parra | Europa Press

22 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando vivía o meu avó materno, as veces que aparecía o rei Juan Carlos I na televisión pedíanos silencio para el o poder escoitar. Aquela atención sempre me resultou estraña porque o meu avó era home de esquerdas e republicano. O certo é que el ficaba pasmado diante das noticias que tocaban a vida dese rei tan dado que seica fora un dos artífices da democracia. No verán de 1976 os reis estiveron na miña vila e mesmo hai algunha foto onde se albisca o meu avó, teso e abraiado, diante do palco dende o que saúdan os reis, acompañados pola corporación municipal. Segundo conta o noso historiador local, non estaba prevista a parada real, pero era tanta a xente amoreada na estrada que a comitiva non puido pasar e non quedou outra que parar e facer subir os reis nun pequeno estrado improvisado no medio da praza. Dende alí, o alcalde aproveitou o discurso para solicitar un centro de bacharelato e outro de formación profesional, e o rei, diante dun recibimento tan espontáneo, prometeu interesarse por eses asuntos. Podo imaxinar a emoción contraditoria do meu avó e a de moita xente que acudiu a ese acto que puña Xinzo de Limia nas noticias. O que xa me custa imaxinar é que pensaría hoxe o meu avó se soubese que ese home que, por algunha razón tanto respectaba e admiraba, foi quen de amasar ilegalmente unha fortuna coa que mesmo pagou o silencio de mulleres por mor do seu sexo impaciente. Sospeito que a decepción tomaría conta do meu avó e xa non nos pediría silencio, como si pide unha boa parte da dereita para unha persoa que pasou media vida gozando dunha inviolabilidade e un prestixio que nunca mereceu, nin tan sequera no caso hipotético de que estivese detrás da chegada á miña vila dos centros de ensino.