Un cuarto de baño

XINZO DE LIMIA

16 abr 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

Uns días antes de que lle entrase á xente esa teima absurda de apañar moreas de papel hixiénico, recollía este periódico a emoción dun neno que daba en chorar durante o realoxamento dos residentes do poboado da Pasaxe na Coruña logo de ver que ía dispor, por vez primeira, dun cuarto de baño. A situación, que pode parecer insólita a día de hoxe, sobre todo para os máis novos, non deixa de ser unha lección e tamén un alarma diante da desigualdade social que existe no país e que a pandemia non fai máis que subliñar. Porque para este confinamento tamén hai quen o ten todo e quen non ten nada. Non levamos instalados no primeiro mundo dende hai moito tempo. Non hai tanto que os cuartos de baño eran un ben máis ben escaso. As necesidades tocaba facelas ao aire libre, baixo o acubillo dunha figueira e sen máis papel hixiénico ca un periódico ou as follas das árbores. O meu pai, que tamén era fontaneiro, levou nos anos oitenta a civilización ás aldeas da Limia. Había algo filantrópico no seu traballo. Acompañeino algún verán e vin a estrañeza mesturada coa felicidade do progreso cada vez que os clientes tiraban da cisterna. En Xinzo, sendo eu cativo, fomos vivir ás casas baratas, uns edificios que, malia o carácter pexorativo do nome, si dispuñan de cuarto de baño. Este foi o motivo polo que, a finais dos sesenta, a meirande parte dos traballadores do concello, incluído o alcalde, mercaron un destes pisos para viviren alí. Non esquezo a primeira vez que vin o cuarto de baño. Foi como deixar algo atrás, talvez un pouco desa miseria que, por desgraza, aínda afecta hoxe a unha boa parte da sociedade, representada por ese neno da Pasaxe que, se cadra, leve mellor a reclusión porque cada vez que entra no baño e tira da cadea sente o delicioso tremor de probar un milagre.