«Facilitaremos que A Chavasqueira se abra nas mellores condicións posibles»

José Antonio Quiroga Díaz afronta seu segundo ano de presidencia da CHMS coa mente posta no saneamento do Barbaña e do Limia


ourense / la voz

En setembro do 2018 tomou posesión do seu cargo como presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. José Antonio Quiroga Díaz tivo tempo para tomar contacto coa realidade da cunca que, como sinala, é das máis complexas de España pola diversidade que ten o territorio.

-Como está a calidade das augas da conca?

-Podemos falar de que moderadamente aceptable

-Iso é?

-Hai puntos conflitivos, deficientes ou moi mellorables. Pero se facemos unha media xeral é aceptable.

-Estamos a falar do Barbaña e do Limia, dous problemas recorrentes.

-Así é. Pero para o Barbaña temos un proxecto que está en Madrid á espera da revisión polo Ministerio. Preténdese o saneamento integral deste mantra urbana. Estamos falando dunha inversión de 29 millóns de euros, co que esperamos que se endereite a situación. O Limia é outro dos clásicos. Hai unha problemática coñecida que é a contaminación das augas tanto superficiais como nalgún caso as subterráneas. Está en marcha o proceso de declaración de augas afectadas do encoro das Conchas, que xa pasou o período de exposición pública. Agora o Ministerio tomará a decisión de declaralas afectadas ou non.

-A auga do encoro de As Conchas está contaminada?

-Obviamente están contaminadas, non é cousa de andar escondendo. Pero os alcaldes son conscientes de que hai un problema. E cando hai un problema hai que encaralo. Todo o mundo pode comprobar o que hai neste encoro.

-Pero a contaminación ven de augas arriba, que se pode facer?

-Hai un elevado nivel de nitratos nas augas. Detrás hai unha gran densidade de granxas de gandería intensiva que son un dos elementos que provoca esa contaminación. Hai que eliminar as granxas? Non. O que hai que facer é corrixir aqueles elementos que non funcionan en canto a vertidos. E iso é posible.

-Por outra banda, o Concello de Ourense está pendente da CHMS para poder pór en marcha de novo as termas privadas de A Chavasqueira. Que pode dicirnos?

-A actividade na Chavasqueira é un elemento bastante importante para a cidade. Despois do suceso do incendio plantéase a reconstrución e rehabilitación desta zona. A Confederación ten que autorizalo e os contactos son continuos co Concello. Facilitaremos que A Chavasqueira se abra nas mellores condicións posibles ao público. A día de hoxe á empresa concesionaria se lle ten solicitado unha serie de documentación e estamos á espera de que se complemente. Está o proxecto pero faltan documentos.

-Vivimos estes últimos meses xornadas de moita chuvia co anegamento importante da zona termal da cidade. Falamos de algo puntual ou será un fenómeno máis habitual?

-Ninguén pode prevelo. O que é certo é que hai distintos tipos de modelos maduros a nivel de investigación que nos din que é obvio que hai un cambio das condicións climáticas e que un dos elementos son os fenómenos extremos e concentrados en pouco tempo. Pode ser de choiva ou de altas temperaturas. Pero é imposible saber con exactitude o que podería pasar.

-As instalacións das termas públicas, serían viables hoxe?

-Habería que ver cales son os requisitos, pero as que están agora tiveron permiso no seu día e non hai problema con elas. Agora cambiou a lei e ó mellor se vas pedir autorización non sería posible.

«Estase analizando retirar a presa de Gundín en A Limia por petición do Concello de Xinzo»

A sobreexplotación hidroeléctrica na cunca do Miño Sil é mais que unha evidencia. Sobre isto, o presidente da CHMS ten as ideas claras.

-As hidroeléctricas son xigantes económicos cunha gran transcendencia socioeconómica. Elas van ó seu e nós temos que facer un control para que as actividades queden incardinadas dentro dos parámetros legais.

-É posible retirar algunha presa, é viable?

-Si, no caso de que sexa unha instalación obsoleta ou que no cumpra a finalidade coa que foi prevista.

-Xa se pode falar dalgunha?

-Estase analizando retirar a presa de Gundín en A Limia, por petición do Concello de Xinzo, Hai outros dous casos na zona do Bierzo.

-Despois de varios intentos fallidos, terá a CHMS unha nova sede?

-Séguese traballando pero non é doado atopar un local que dalgunha maneira satisfaga as necesidades da casa. Estamos falando de case 200 persoas, de moitos servizos, de almacéns, de garaxes, de case 5.000 metros cadrados. Si, segue viva a idea de sustanciar un lugar concreto. A partida orzamentaria vaise renovando. Agora estamos disgregados en cinco puntos ó longo da cidade e iso non facilita o traballo de cara ó cidadán e internamente tampouco. A falta dun plan xeral de ordenación tampouco axuda.

-Que grado de conciencia ambiental teñen os ourensáns?

-As novas xeracións xa teñen a sensibilidade que se cadra falta noutros tramos de idades. A temática dos plásticos nos ríos e no mar é algo que serviu moito para esa toma de conciencia, porque é ver o problema, palpalo. Hai esperanza e iso vai beneficiar as súas condutas e as dos seus pais e, en definitiva, ao medio ambiente.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Facilitaremos que A Chavasqueira se abra nas mellores condicións posibles»